Notas de prensa

O Grupo “Martín Códax” de Música Antiga ofrecerá un concerto o vindeiro venres en Santiago un concerto con instrumentos tradicionais

• Exporanse, entre outras pezas, as reproducións dos instrumentos do Pórtico da Gloria

O Grupo “Martín Códax” de Música Antiga ofrecerá un concerto o vindeiro venres 22 ás 20:00 horas no claustro do I.E.S. “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela. Durante o concerto ofreceranse explicacións coas que se pretende achegar ó público a realidade musical e instrumental da Idade Media e mailo Renacemento.
Este grupo emprega nas súas actuacións instrumentos que reproducen os esculpidos polo Mestre Mateo no Pórtico da Gloria de Compostela, entre os que figuran fídulas, arpas, laúdes, cítaras, zanfonas e un organistrum.
O programa do concerto será o seguinte:
• Cantigas da lírica Galaico Portuguesa. s. XIII
1.- Mia hirmana fremosa. Martín Códax.
2.- Quando eu vejo las ondas. Roi Fernandez de Santiago.
3.- Mandad' ei comigo. Martín Códax.
• Llibre Vermell de Montserrat. s. XIV
1.- Mariam Matrem.
2.- Cuncti simus concanentes.
• Cantigas de Santa María. Afonso X o sabio. s. XIII
1.- Santa María strela do día.
2.- De muitas guisas.

Exposición
O concerto servirá de prólogo a unha exposición dos instrumentos do grupo, que se poderá visitar no propio Instituto do 22 ó 29 de decembro de 12:00 a 14:00 y de 18:00 a 21:00 horas.



O GRUPO DE MÚSICA ANTIGA MARTÍN CÓDAX

O grupo de música antiga Martín Códax estuda e interpreta a música escrita desde a Idade Media ata o Renacemento, dedicando especial atención á composta nos séculos XII, XIII e XIV.
Desde a súa fundación, no ano 1993, participou en numerosos acontecementos musicais en toda a xeografía española: Festival de Música Antiga en Palma de Mallorca, Auditorio Nacional de Madrid, Congresos nacionais e internacionais, concertos de divulgación da música medieval, feiras medievais (A Coruña, Pontevedra, Vigo, Mondoñedo, Festival Intercéltico de Cangas, etc).
No verán do 2000 colabora con Carlos Núñez para recrear música medieval con instrumentos do Pórtico da Gloria en dous concertos ofrecidos na praza de María Pita da Coruña e no Auditorio de Castrelos en Vigo.
Ten realizado concertos e gravacións para a Televisión de Galicia e a Radio Galega, un deles emitido en directo desde as propias Bodegas Martín Códax. Nos últimos anos realizou numerosos concertos dedicados á difusión da lírica medieval galaico-portuguesa, e especialmente, á relacionada co Camiño de Santiago. Destacan os ofrecidos no Auditorio Nacional de Madrid e no Instituto Cervantes de Roma.
Colabora con editoriais galegas na difusión da literatura medieval, destacando a súa participación na edición dos libros “Martín Códax“ publicado pola Editorial Galaxia e “O viño dá Vida“ pola Editorial Xerais. A súa discografía recolle as manifestacións musicais máis relevantes da Idade Media na península ibérica: Códices coma o “Calixtino“ da Catedral de Santiago de Compostela ou o de Las Huelgas de Burgos, Romances de peregrinación, Cantigas de Santa María do rei Afonso X o Sabio, Cantigas de Amigo do trobador Martín Códax ou Cantigas de Escarnio de xograres e trobadores do século XIII.
O grupo Martín Códax conta coa colaboración permanente da empresa galega Bodegas Martín Códax de Cambados, comprometida, xunto co grupo, na difusión da poesía medieval galaico-portuguesa. Nas súas interpretacións utilizan reproducións de instrumentos medievais (fídulas, organistrum, arpas, guitarra morisca, chirimía, derbuka...) construídos seguindo os modelos que aparecen nas principais fontes iconográficas : Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, miniaturas das Cantigas de Santa María ... así como instrumentos tradicionais (zanfona, gaita, pandeiro...) buscando unha plena integración de todos os elementos para a realización dunha música viva e gratificante.






EXPOSICIÓN DE INSTRUMENTOS MEDIEVAIS e RENACENTISTAS.

Os instrumentos musicais que se expoñerán forman parte da colección pertencente ao grupo de Música antiga Martín Códax e ás Bodegas Martín Códax de Cambados. e que está formada por :

• 5 Fídulas: instrumentos de corda frotada. Reproducións do Pórtico da Gloria, século. XII (2), do palacio de Xelmirez, século XIII (1), e das cantigas de Santa María, século XIII (2).
• 2 Arpas: instrumentos de corda pulsada. Reproducións do Pórtico da Gloria e do cadro “Virxe co neno” (século XV), conservado na catedral de Burgos.
• 3 Laudes: Instrumentos de corda pulsada: Reproducións das Cantigas de Santa María (1), do Pórtico da Gloria (1) e un instrumento renacentista de 6 ordes, segundo modelo de “Jacob Hess” . Venecia, 1586.
• Dulcema: Instrumento de corda percutida. Reprodución do instrumento ilustrado nunha miniatura de “Les échecs amoureux” , de principios do século XVI.
• Cítara: Instrumento de corda pulsada. Reprodución do Palacio de Xelmirez.
• Baldosa: Instrumento de corda pulsada. Reprodución das Cantigas de Santa María
• Organistrum: Instrumento de corda frotada mediante unha roda xiratoria. Reprodución do Pórtico da Gloria.
• 2 zanfonas: Instrumento de corda frotada mediante unha roda xiratoria. Reprodución das cantigas de Santa María (1) e reprodución segundo modelo popular galego.

ALFREDO CID, 2006-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES