
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou no pleno do Parlamento, o elevado número de entidades que xa están adheridas ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar. Dende a súa entrada en funcionamento o pasado 10 de xullo, xa se adheriron 122 entidades locais, 121 son concellos e 1 mancomunidade. Deste xeito, case o 39% do total dos concellos galegos están integrados, a día de hoxe, no Consorcio, instrumento de xestión que nace co obxecto, segundo o vicepresidente, de asegurar o benestar de todos os galegos e as galegas.
O vicepresidente sinalou que o Consorcio está recibindo apoios dende a diversidade de opcións políticas e dende áreas territoriais de todo o país. A metade dos concellos que subscribiron inicialmente o convenio de constitución do Consorcio, están gobernados polo PP, o que significa un triunfo da corresponsabilidade fronte ás estratexias puramente partidistas que sempre traballan en contra dos cidadáns, un 14% están gobernados polo PSOE, outro 14% polo BNG e o 21´4% restante por outras formacións.
A Coruña é a provincia con maior número de entidades consorciadas, 39; seguida de Ourense, con 34; Lugo con 25 e Pontevedra con 24. Deste xeito, catro de cada dez concellos integrados no Consorcio son coruñeses, o 38´7% de Pontevedra, o 36,9% pertencen a Ourense e o 37,3% son de Lugo.
O vicepresidente destacou que no Consorcio están integrados concellos de todos os tamaños, e das sete grandes cidades, seis están integradas ou en proceso de integración. Trátase da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo e Lugo, mentres que, no caso de Ourense, a Vicepresidencia está abrindo vías de negociación para acadar tamén a súa incorporación.
O vicepresidente da Xunta sinalou que o Consorcio é un instrumento de xestión que nace con moito dinamismo para asegurar o benestar de todos os galegos e galegas e, neste senso, a máis dun millón de persoas que viven nos concellos integrados no Consorcio, que van dispor de máis servizos de atención e de máis calidade. A maior parte destas persoas, máis do 33%, residen en grandes cidades, e case o 24% viven en municipios de tamaño intermedio, de entre 10.000 e 25.000 habitantes.
Segundo sinalou o vicepresidente na súa resposta parlamentaria, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar representa o primeiro intento serio na historia de Galiza de institucionalizar os servizos sociais e os dereitos de benestar. Trátase dun novo instrumento de xestión que vai cambiar a relación de dependencia e xerarquía que existe hoxe en día entre a Xunta e os concellos por unha relación en plano de igualdade e colaboración. O Consorcio é a ferramenta, segundo o vicepresidente, para lograr unha organización áxil e flexible na atención social que garanta a igualdade de oportunidades e a calidade dos servizos sociais.
Actuacións do Consorcio
Segundo Quintana, as previsións da Vicepresidencia é que o Consorcio faga posible a construción de máis dun centenar de novas escolas infantís nos próximos dous anos e de máis de 70 novos centros na área do benestar, entre residencias, miniresidencias, centros de día para a terceira idade e centros de atención á discapacidade, ademais dun Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.
Prevese que o Consorcio poida xerar máis de 4.000 empregos nos distintos concellos implicados na súa actividade: 2000 postos de traballo directos na área de igualdade e máis de 300 indirectos no ámbito do benestar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.