Notas de prensa

Touriño salienta que a Xunta destinará 180 millóns de euros en 2007 a impulsar a modernización, internacionalización e mellora da competitividade empresarial

Pon a empresa Cabreiroá como exemplo do éxito empresarial baseado na explotación intelixente e respectuosa dun recurso natural.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou en Verín a aposta que está a realizar o Goberno que preside pola modernización das estruturas competitivas das empresas galegas. Durante o acto de celebración do centenario de Augas de Cabreiroá S.A., Pérez Touriño remarcou o compromiso da Xunta coas empresas da Comunidade, axentes xeradores de desenvolvemento económico, riqueza e emprego.

Este compromiso, segundo lembrou Touriño, vese reflectido nos Orzamentos da Xunta para 2007, que recollen un investimento de 180 millóns de euros para impulsar a modernización, a internacionalización e a mellora da competitividade no ámbito empresarial.

O máximo mandatario autonómico incidiu en que neste proceso de modernización, a empresa pode contar co apoio da Xunta de Galicia a través das actuacións de distintos organismos públicos como o Igape e Xesgalicia.

Desenvolvemento económico territorialmente harmonizado

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén avogou por lograr un desenvolvemento económico territorialmente harmonizado. Un obxectivo que, ao seu entender, pasa pola dinamización económica do interior de Galicia, na que a Xunta xa está a traballar cun plan plurianual de actuacións.

Na mesma liña, Pérez Touriño incidiu na necesidade de atopar nichos de actividade económica que poñan en valor o acervo de recursos cos que conta a nosa Comunidade, para poñer freo ao proceso de desvertebración e desestruturación territorial que ten propiciado unha perda continuada de poboación, de potencial económico e de benestar en amplas zonas do interior de Galicia.

Explotación sostible dos recursos naturais

Así mesmo, o mandatario galego lembrou a importancia e a necesidade de facer compatibles o desenvolvemento económico e a explotación sustentable dos recursos naturais, algo do que, segundo explicou, Cabreiroá dá boa conta, ao realizar un aproveitamento económica, social e medioambientalmente responsable dun recurso natural.

Nesta liña, Pérez Touriño insistiu en que esta empresa galega constitúe toda unha historia de éxito empresarial baseada na explotación intelixente e respectuosa dun recurso natural tan característico da Comunidade galega como son os manantiais de augas minerais.

Touriño concluiu dicindo que pasou un século desde que estas magníficas augas fosen declaradas de utilidade pública (ano 1906), dando o sinal para a súa comercialización, e lembrando que ao longo destes cen anos Cabreiroá ten sido capaz de avanzar, combinando un produto invariable pola súa natureza coa modernización das súas estruturas produtivas e comerciais.

Durante o acto de celebración do centenario de Augas de Cabreiroá S.A., rendéuselle homenaxe a Santiago Ramón y Cajal, Premio Nobel de Medicina, quen, a principios do século XX, analizou as características bacteriolóxicas da auga de Cabreiroá. Deste xeito, procedeuse ao descubrimento dunha escultura, realizada polo artista galego Buciños, na honra do Premio Nobel de Medicina, quen chegou a visitar o mantantial verinés en diversas ocasións.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES