
A Xunta de Galicia colaborará o vindeiro ano con UNICEF para contribuír á mellora da situación da infancia no Terceiro Mundo e sensibilizar á poboación galega respecto da situación na que se atopan milleiros de nenos en todo o mundo.
Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior achegará en 2007 un total de 100.000 euros para o proxecto que UNICEF está a desenvolver en Casamance, Senegal, única rexión do país onde permanece latente unha confrontación de tintes independentistas. Alí estase a traballar nas necesidades educativas e sanitarias da poboación ao mesmo tempo que se incide na prevención e xestión dos conflitos e se apoia á poboación co problema das minas antipersoas.
Fabiola Sotelo, directora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, fixo este anuncio na presentación do Informe sobre o Estado Mundial da Infancia de UNICEF, que o responsable desta organización en Galicia, Andrés Fariña, fixo público en Santiago. Sotelo resaltou na súa intervención a importancia de traballar a prol da igualdade entre os xéneros ao mesmo tempo que se favorece o acceso á educación das mulleres para, deste xeito, incidir na mellora das condicións de vida das nenas e nenos de moitas comunidades.
Relación directa entre políticas de xénero e pulo á infancia
Pola súa banda o presidente de UNICEF Galicia, Andrés Fariña, asegurou que os resultados deste estudo apuntan á necesidade e á importancia de eliminar a discriminación de xénero para acadar un impacto positivo na supervivencia e benestar da infancia, asegurando que cando se promove a autonomía das mulleres a infancia e as familias prosperan.
Neste sentido, fixo un chamamento tanto aos Gobernos e Administracións responsables das políticas de fomento da igualdade de xénero para que traballen pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, e fundamentalmente do terceiro, que avoga por promover a igualdade entre xéneros e a autonomía da muller. A muller debe tomar parte no proceso de desenvolvemento, remarcou Fariña.
Informe Mundial da Infancia
Hoxe presentouse en todo o mundo o informe que cada ano elabora UNICEF para dar conta da situación na que viven as nenas e nenos de todo o mundo. Este ano o informe fai fincapé na necesidade de promover a igualdade entre os xéneros como xeito de conseguir que melloren as condicións de vida das nenas e nenos. Para isto considérase necesario, segundo o informe de Unicef, traballar en sectores como a educación, a participación da muller nas institucións e na economía formal, promover a autonomía da muller e comprometer aos homes na loita pola igualdade entre os xéneros.
Esta igualdade contribuirá, segundo UNICEF, a reducir a pobreza e a fame, mellorar a saúde das nais, asegurar a educación universal ou combater enfermidades como o VIH. xa que tense comprobado que as mulleres sans e educadas teñen fillos tamén sans e con maiores posibilidades de sobrevivir.
720.000 euros para proxectos relacionados coa infancia
A Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a destinar este ano un total de 720.000 euros para proxectos que teñen como beneficiarios principais as nenas e nenos. En total estanse a financiar 11 proxectos, seis deles son proxectos de cooperación mentres que os cinco restantes están destinados a concienciar a poboación galega, especialmente á infantil, da situación na que viven millón de nenos no terceiro mundo.
Perú, Bolivia, Ecuador e Nicaragua son os países onde se están a desenvolver proxectos financiados pola Xunta de Galicia. A maioría deles están centrados en facilitar o acceso á educación e a capacitación que permita aos nenos e nenas destas comunidades empobrecidas saír da situación de exclusión na que se atopan. Este é o caso do proxecto que Fe y Alegría está a levar a cabo en Chinandega (Nicaragua) onde se están a financiar as obras de construción e equipamento de catro colexios.
Ademais das accións que se están a financiar no terceiro mundo, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a promover e colaborar en campañas de sensibilización que teñen como principal destinatarios os nenos e nenas galegos. Para isto, este ano está a financiar con preto de 70.000 euros, cinco proxectos diferentes desenvolvidos por ONG´S para difundir os valores da solidariedade, o desenvolvemento sostible, a paz, o respecto, a tolerancia e a igualdade entre os rapaces galegos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.