Notas de prensa

España era o cuarto país con máis corrupción da UE en 2005, según un informe debatido nas xornadas da Egap sobre ética pública

Propoñen crear observatorios da corrupción e incorporar a ética na formación, selección e promoción do persoal ao servizo da Administración. Un experto alerta da incidencia dos aparatos burocráticos privados sobre as decisións que se toman nas administracións públicas.

Segundo o Índice de Percepción da Corrupción elaborado pola organización non gobernamental Transparency Internacional, España ocupaba en 2005, antes da ampliación da Unión Europea, o cuarto lugar como país comunitario con máis corrupción. Así o puxo de manifesto en Lugo o profesor da Universidade de Santiago José Caamaño, que participou na primeira das Xornadas sobre Ética Pública e Control Democrático organizadas polo Concello de Lugo e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Segundo este informe internacional, que extrae os seus índices de corrupción da percepción manifestada por empresarios e analistas de cada país estudado, o índice de España era 7 nunha escala de 10, na que o dez expresa a menor corrupción e cero a maior. En peor situación ca España situábanse Portugal, con un 6,5; Italia, cun 5; e Grecia, que con un 4,3 figuraba como o país percibido como máis corrupto da UE. Por diante de España ficaban Irlanda e Bélxica, con índices de 7,4; Francia, con 7,5; Alemaña, con 8,2; ou o Reino Unido, con 8,6, en tanto que Islandia (co 9,7), Finlandia, Dinamarca e Suecia superaban o 9.

No seu relatorio, Caamaño formulou un decálogo de propostas para mellorar a ética pública, coa fin de inculcar ou reforzar o sentido ético a nivel individual e de crear un contorno máis propicio á ética co redeseño das estruturas organizativas. Entre as súas propostas destacou a creación de Observatorios da Corrupción, a incorporación da dimensión ética na formación, selección e promoción do persoal das Administracións Públicas, o establecemento de códigos de ética para os membros das institucións fiscalizadoras superiores ou o reforzamento dos controles externos aos centros xestores da Administración.

Tamén propuxo introducir cambios no proceso de elaboración dos Orzamentos Xerais que propicien actitudes máis éticas, impulsar unha cultura organizativa que inclúa actuacións educativas e un exercicio do liderazgo, e reforzar as medidas públicas de transparencia coa adopción das mellores prácticas da OCDE.

Burocracia privada

Pola súa banda, o catedrático Antoni Doménech, experto en filosofía política da Universidade de Barcelona, falou sobre o papel da ética pública no bo funcionamento da democracia e o control sobre a actividade das Administracións Públicas. Doménech sinalou que nos últimos anos aumentaron considerablemente os “aparatos burocráticos privados” das grandes empresas ou sectores empresariais, que son quen de “desafiar con éxito crecente” o vello monopolio burocrático das administracións públicas e mesmo incidir na súa toma de decisións. Puxo como exemplo a presión que exerce o negocio inmobiliario, e que explica o aumento dos casos de corrupción que se teñen dado nos últimos tempos nas administracións locais.

As xornadas foron inauguradas polo alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o director da EGAP, Antonio Izquierdo. Orozco insistiu en que a sociedade “ten que ter confianza na súa Administración”, porque “os políticos son interinos que dependen da vontade do pobo, pero os funcionarios permanecen”.

Os encontros rematan coa participación de Fernando Jiménez, da Universidade de Murcia, sobre as eivas no financiamento dos partidos políticos, de Javier Salinas, do Instituto de Estudos Fiscais, sobre os efectos económicos da corrupción, e do presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, quen falará da ética pública na perspectiva dos cidadáns

Pola tarde, celebrarase unha mesa redonda moderada polo director de El Progreso, Lois Caeiro, sobre os desafíos da ética pública nos concellos galegos, que serán debatidos por Xaquín Álvarez Corbacho, da Universidade da Coruña, e Roberto Blanco e Guillermo Márquez, da Universidade de Santiago.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES