
Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, destacou na Coruña que conseguir a igualdade plena e a liberdade é a razón de ser última da acción do Goberno galego. Queremos que este país sexa de igualdade e de liberdade para todos, dixo Touriño no marco da conmemoración do Día Europeo da Discapacidade, xornada que Goberno galego e central celebraron na sede de Cogami, na cidade herculina.
Touriño destacou o compromiso do seu Goberno coas persoas dependentes e maiores, que se traducirá na creación na comunidade autónoma de 35 centros de día, con 80 prazas en cada un deles, o que suporá un investimento de máis de 40 millóns de euros. Paralelamente, en colaboración co Goberno central, construirase en Galicia dous novos centros de atención para persoas con discapacidade física, outros dous para persoas que sofren danos cerebrais e outros dous dirixidos a persoas con discapacidade intelectual, o que se traducirá na creación de máis de 700 novas prazas para dependentes en Galicia.
En opinión do máximo mandatario galego, este conxunto de medidas permitirá dar un paso máis na consecución da autonomía plena para as persoas dependentes galegas. Así mesmo, Touriño destacou que outro dos obxectivos prioritarios do seu Goberno pasa por acadar a integración plena no mercado laboral dos discapacitados.
Lei galega de Servizos Sociais
Despois da recente aprobación, o pasado venres no Congreso dos Deputados, da Lei de Dependencia, que Touriño valorou como unha medida moi positiva, o titular da Xunta anunciou que o Goberno autonómico desenvolverá esta normativa coa Lei Galega de Servizos Sociais, que verá a luz nos vindeiros meses. Touriño cualificou esta lei como compromiso de país e apelou á colaboración neste texto legal de todas as administracións, das sociedades para discapacitados e da cidadanía en xeral.
Pola súa banda, María Teresa Fernández de La Vega destacou a necesidade de que as administracións segan impulsando medidas que fomenten a igualdade das persoas con discapacidade no seu acceso á educación, á cultura ou ao tempo libre. A vicepresidenta do Goberno aproveitou a súa estancia na Coruña para asinar co presidente de Cogami un convenio que permitirá adaptar o veleiro Laion. Este proxecto posibilitará que persoas con discapacidade estean presentes na competición da Copa América de Vela 2007. Esta colaboración enmárcase no proxecto Gavea, mediante o cal Cogami pretende achegar ás emocións do deporte náutico aos discapacitados.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.