
O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e o seu homólogo asturiano, Vicente Álvarez Areces, comprometeron que a Autovía do Cantábrico estará finalizada no ano 2009. Desde Taramundi, a onde se desprazou Touriño para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural, salientou que os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano destinarán para a execución desta infraestrutura en ambas as comunidades un total de 165 millóns de euros, dos cales 72 corresponden aos treitos galegos.
En concreto, o xefe do Executivo galego manifestou que dos 14 treitos nos que se divide a A-8 ao seu paso por Galicia, un total de 6 están xa en obra (Ribadeo-Reinante-Barreiros-Vilamar e Vilaba-Regovide-Abeledo-Baamonde), 5 están licitados (Vilamar-Lourenzá-Mondoñedo e Abadín-Castromaior-Touzas-Vilalba)) e os 3 treitos pendentes pola dificultade técnica que entraña o seu paso por Mondoñedo estarán licitados antes de fin de ano (Mondoñedo-Lindín-Careira e Careira-Abadín) O importante e fundamental e que en 2006, como comprometemos, estará todo licitado ou en obra. En Galicia, a actuación cumprirase ao 100 por cento e en 2007 estará todo en obra, destacou Touriño.
Forte pulo do Goberno Central
Segundo explicou o xefe do Executivo autonómico, a Autovía do Cantábrico constituirá a liña medular de conexión de Asturias e Galicia con España e Europa. Así, salientou que o cumprimento dos obxectivos trazados no Cumio Galaico-Asturiano do pasado xaneiro será posible grazas ao moi forte pulo realizado polo Goberno Central, que para o vindeiro ano consignará 165 millóns de euros á realización desta infraestrutura nos tramos galegos e asturianos.
Respecto da mellora da conexión interior entre Galicia e Asturias, Emilio Pérez Touriño indicou que ata 2008 Galicia investirá 30 millóns de euros co obxectivo de desenvolver as conexións da Fonsagrada con Santalla de Oscos e Grandas de Saline; Pontenova-Taramundi; Becerreá-Navia de Suarna e Vilalba-Meira. A este respecto, o xefe do Executivo galego indicou que se están cumprindo os obxectivos trazados en xaneiro e incluso adiantando os prazos e subliñou que ao remate destas actuacións se producirá un salto cualitativo na unión de ambas as comunidades a través da montaña.
Tratamento integral da ría de Ribadeo
En terceiro lugar, o presidente da Xunta fixo fincapé no proxecto de tratamento integral para a ría de Ribadeo. A este respecto, indicou que se atopa moi avanzado o estudo que se está a acometer desde os institutos para a biodiversidade de ambas as administracións en colaboracións coas universidades de Santiago de Compostela e de Oviedo. O presidente da Xunta indicou que se buscará a máxima protección e cualificación para a ría.
Finalmente, o xefe do Executivo quixo amosar o agradecemento do Goberno que dirixe e de toda a sociedade galega polo esforzo de solidariedade realizado desde o Executivo asturiano e desde a sociedade civil desta Comunidade durante a vaga de incendios que sufriu Galicia o pasado mes de agosto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.