Notas de prensa

A Mesa acusa a Secretaría Xeral de Política Lingüística de “usar o diñeiro do galego para facer clientelismo”

“O convenio da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa Confederación de Empresarios é unha distracción fraudulenta de diñeiro público que non se corresponde coa finalidade prevista”.

A Mesa pola Normalización Lingüística manifestou publicamente a súa “profunda preocupación pola deriva que está a tomar a Secretaría Xeral de Política Lingüística (dependente directamente do Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño), que non só non dá resposta aos problemas máis acuciantes do galego, como a situación do ensino e o caso do Concello da Coruña, senón que está a profundizar nos mesmos camiños fraudulentos dos gobernos de Manuel Fraga Iribarne”.

A Secretaría Xeral presentou un convenio coa Confederación de Empresarios, que supostamente debería servir para potenciar o galego. Porén, desde a asociación cidadá en defensa da lingua matizan o seguinte:

1.- Existe unha falta total de transparencia neste convenio. A Secretaria Xeral de Política Lingüística anunciou que ía asinar o acordo, e cun investimento non inferior aos 750.000 euros, antes mesmo de que a Confederación de Empresarios presentase ningún proxecto.

O 13 de xaneiro de 2006, a Secretaria Xeral de Política Lingüística, María Sol López, afirmou publicamente o seguinte, que citamos literalmente dun comunicado de imprensa emitido pola Xunta de Galiza: “Estamos á espera de que a Confederación de Empresarios nos presente un proxecto de normalización que vai englobar a todos os seus asociados e que contará coa nosa axuda técnica e económica, cunha partida non inferior aos 750.000 euros”.

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística manifestamos daquela a nosa estrañeza porque se tivese tan claro que se ía investir unha cantidade económica tan elevada para un proxecto que nin sequera estaba elaborado e, mesmo, cando aínda a Secretaría Xeral non preparara unha mínima planificación para o ano 2006. Tamén nese momento, desde A Mesa exiximos que houbese “luz e taquígrafos” e que o programa a asinar implicase resultados positivos para o galego. A Mesa continúa a reclamar que se faga un seguimento continuado e público deste acordo.

2.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística elimina as convocatorias públicas de axudas a empresas para a súa galeguización e pasa a entregarlle esa partida orzamentaria na súa totalidade á Confederación de Empresarios, que exclúe a quen non sexan os seus asociados.

Desde A Mesa levábamos tempo solicitando “un cambio de chip” no concepto das subvencións para promoción do uso do galego. Porén, o proxecto da Secretaría Xeral significa un retroceso histórico, pois non corrixe un modelo que antes tiña erros (como a falta de seguimento das axudas), senón que o elimina totalmente, desaparecendo así un aliciente que tiñan moitas pequenas empresas para procederen á súa galeguización. Porén, non se dan tampouco agora garantías de seguimento para o macroconvenio entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Confederación de Empresarios, e o que antes era un procedemento aberto, agora restrínxese a un grupo determinado.

3.- A SXPL paga dúas veces por un servizo que a propia Administración xa ofrece.

O mes pasado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviou un comunicado de imprensa indicando que ao longo do que levamos de 2006 asesorara a case 650 empresas e asociacións para que pasasen a usar o galego. Se a SXPL xa fai iso gratuitamente, por que lle paga á Confederación de Empresarios para que faga exactamente o mesmo? Cales van ser os beneficios para o galego desta duplicidade?

4.- A Confederación de Empresarios leva moitos anos recibindo subvencións de Política Lingüística da Xunta e, porén, continúa a facer uso minoritario do galego. Por non ter, non ten nin opción nesta lingua da súa páxina web.

A Mesa exíxelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que fiscalice urxentemente en que se investiron os milleiros de euros que recibiu a Confederación de Empresarios ao longo dos últimos anos, pois a entidade continúa sen facer un uso normal do galego a pesar de todas as subvencións que recibiu para iso.

Máis contraditorio aínda resulta que se diga que a través deste convenio a Confederación de Empresarios vai colaborar a galeguizar páxinas web cando no seu propio sitio en internet (www.ceg.es) non hai opción real en galego (a páxina de benvinda está en castelán e formalmente aparecen as opcións das dúas linguas cooficiais, mais cando se clica en “Galego” saen os contidos igualmente en castelán...).

5.- Este macroconvenio é exemplo de pésima xestión, de incompetencia para desenvolver a política lingüística que precisamos. Significa continuar coa liña practicada polo PP de utilizar o diñeiro do galego para estender a rede clientelar.

Unha das principais críticas contra os gobernos de Manuel Fraga neste campo de xestión era que distribuía as partidas da política lingüística sen outra pretensión que a de afortalar o favoritismo e a dependencia da cidadanía das prebendas do poder, nunha distracción fraudulenta de diñeiros públicos que non se correspondían coa finalidade prevista.

Lamentabelmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (dependente agora do Presidente da Xunta), mantén a mesma política viciada, gastando supostamente moito diñeiro no galego, aínda que a maioría desas partidas orzamentarias non teñen máis finalidade que a homenaxe lingüística, o gasto para conmemorar sen obxectivos de recuperación ou o clientelismo, como é o caso deste macroconvenio. Así, a actual Política Lingüística, dirixida por Emilio Pérez Touriño, parece a crónica dun fracaso buscado e desexado.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2006-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES