
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou por acometer unha reforma de modelos e estruturas e escasamente eficientes en vigor na escea galega para lograr que a relación entre o teatro e a sociedade sexa máis intensa, máis fluída, máis habitual e máis cualificada. Para acadalo, Pérez Touriño amosou o seu desexo de que esta reforma se leve a cabo tendo en conta os profesionais do teatro, as compañías das que forman parte e as asociacións e colectivos nos que se agrupan.
Así o asegurou durante a súa intervención ante os participantes no XIII Congreso da Asociación de Directores de Escena de España (ADE), que se celebra estes días no Pazo de Mariñán (Bergondo). Tras salientar a calidade artísticas e profesional de moitas das producións teatrais galegas actuais parangonable á de calquera outra escena- Pérez Touriño explicou que o Goberno autonómico acometerá un importante esforzo para converter a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un centro referencial, xerador de profesionais ben formados e con amplas capacidades de emprego.
Así mesmo, sinalou que se está a traballar na mellora do funcionamento do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) e das unidades de produción del dependentes, así como no da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Neste labor, subliñou o presidente, contarase coas compañías e os profesionais, pois , agregou, sen o seu concurso e implicación activa sería complicado que as reformas foran máis alá dos papeis oficiais
O presidente valorou o traballo realizado en Bergondo pola ADE, facendo especial fincapé no debate sobre as bases dun proxecto de Lei de Teatro que está a elaborar a asociación. Finalmente, gabou o papel esencial desta asociación no artellamento do teatro profesional no conxunto de España e transmitiulles os parabéns pola organización do congreso.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.