
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que as Consellerías de Educación e Traballo crearán e desenvolverán no vindeiro ano a Rede Coordinada de Centros Integrados de Formación Profesional. O presidente explicou que esta rede estará composta dun conxunto de centros de referencia no seu ámbito sectorial e/ou territorial, desenvolvendo simultaneamente accións de formación profesional tanto regrada como ocupacional e continua.
Así o adiantou o xefe do Executivo galego durante a súa visita ao IES de Hostalería Carlos Oroza na cidade de Pontevedra, visita na que estivo acompañado pola Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón.
Na súa intervención, o máximo mandatario galego tamén adiantou o compromiso do Goberno que preside coa elaboración do Segundo Plan Galego de Formación Profesional que segundo explicou se implantará en Galicia a partir do próximo ano 2007.
Segundo sinalou Pérez Touriño, este Segundo Plan de Formación Profesional permitirá aproveitar ao máximo os recursos do país para mellorar a cualificación profesional e a competitividade das empresas, permitindo adecuar esta formación ás demandas de cualificación e capacitación realizadas dende o mundo laboral.
Como debullou o titular do Goberno galego, o Segundo Plan Galego de Formación Profesional primará liñas estratéxicas nos eidos da xestión e a innovación; a cooperación dos centros de formación co tecido empresarial; a aprendizaxe permanente e o desenvolvemento tecnolóxico.
Dentro desta rede de centros o xefe do Executivo situou as instalacións que visitou esta mañá. A este respecto, indicou que o IES Carlos Oroza é un magnífico exemplo polos seus magníficos resultados tanto na formación dos seus alumnos como na integración laboral dos mesmos. Asemade indicou que este centro é boa mostra da aposta do Goberno galego pola calidade, a formación e a excelencia nun pivote estratéxico da nosa economía e a nosa sociedade como é o sector da hostalería e o turismo.
Novos centros na cidade de Pontevedra
O presidente anunciou que este centro será redistribuído, potenciado e ampliado no vindeiro ano. Así, informou que se está a negociar co Concello de Pontevedra a reubicación deste instituto na zona centro da cidade para o cal os presupostos do vindeiro ano recollerán xa unha partida de 1,5 millóns de euros. As novas instalación estarán operativas no curso 2008-2009.
O presidente da Xunta tamén adiantou que o ano que ven xa estará en construción o Novo Centro de Educación Infantil e Primaria de Campolongo o que permitirá mellorar os ratios profesorado-alumnado. Un novo colexio que estará listo para o curso 2008-2009.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.