
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, os reitores das Universidades da Coruña e Vigo, José María Barja Pérez e Alberto Rodríguez, e a vicerreitora de Calidade da Universidade de Santiago de Compostela, María Paz García Rubio, asinaron en Santiago un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa Empresa-Concepto.
Trátase dunha iniciativa que persegue a dinamización de grupos de investigación universitarios con potencial empresarial e a detección de resultados de investigación ou capacidades tecnolóxicas que conformen unha futura spin-off, pondo a disposición dos centros de investigación os recursos financeiros e humanos que posibiliten a creación dun futuro negocio arredor de tecnoloxías xurdidas da actividade investigadora.
En virtude deste convenio de colaboración, a Consellaría de Innovación e Industria aportará a cantidade de 355 mil euros para o desenvolvemento do programa, un 58% do custo total. A cantidade restante será asumida polas tres universidades galegas e polo CSIC.
Fomentar a cultura e o espírito emprendedor, así como a creación de empresas innovadoras son os obxectivos fundamentais nos que coinciden todos os organismos asinantes do convenio de colaboración. Neste contexto, o programa Empresa Concepto preséntase como unha ferramenta indispensable para acadar estes fins, xa que busca aproveitar o potencial de investigadores e titulados universitarios con perfil emprendedor que desexen xestionar o seu propio negocio co fin de aumentar a capacidade de transferir o amplo coñecemento creado no entorno da Comunidade Universitaria de Galiza. De feito, o programa fai especial fincapé nos proxectos que se desenvolven en base ao esforzo da investigación da propia Comunidade Universitaria, promovendo conxuntamente actividades dirixidas á captación e promoción de proxectos que respondan ás características propias de actuacións innovadoras con orientación científica e tecnolóxica.
Accións de potenciación da investigación nas universidades galegas
No transcurso do acto, o conselleiro de Innovación e Industria asinou outro convenio de colaboración cos reitores das universidades galegas para a realización de accións de formación de investigadores e para o potenciación dos servizos de apoio á investigación e de publicacións. Este convenio inclúe o financiamento da adquisición e mantemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas por parte das universidades galegas, o apoio á edición de publicacións periódicas de carácter científico e o cofinanciamento de convocatorias de recursos humanos propias das universidades.
O custo total das actividades nos tres casos supera os dous millóns de euros (2.302.924 euros), dos que a Consellaría de Innovación e Industria aporta máis dun millón e medio de euros (1.651.850 euros), e as universidades asumen a financiación complementaria das accións, cunha achega superior aos 600 mil euros (651.074 euros).
Protocolo de colaboración para a convocatoria de diversas accións de recursos humanos
Por último, asinouse un protocolo de colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria, as tres universidades galegas e o CSIC para regular aspectos previos á convocatoria dos programas de recursos humanos María Barbeito (contratos predoutorais) e Isidro Parga Pondal (contratación de doutores xoves con experiencia acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros).
En virtude deste acordo, a Consellaría de Innovación e Industria comprométese a realizar a convocatoria pública de axudas, na que se recollerá, entre outros aspectos, os requisitos que deberán cumprir os candidatos, as condicións de avaliación e selección dos mesmos, así como a dotación, número e duración dos contratos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.