
A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza en Santiago con representantes da Organización de Productores do Mexillón de Galicia (Opmega).
Durante o encontro, a titular de Pesca da Xunta fixo fincapé na necesidade de establecer un sistema de control exhaustivo do mexillón dende que sae da batea ata que chega ao consumidor. Opmega amosou o seu total apoio a esta iniciativa, que se levará a cabo través do convenio de colaboración que a Consellería asinou recentemente co Consello Regulador. Neste sentido, Gallego Calvar e a Organización de Produtores coincidiron na importancia de levar a cabo un control de calidade único e riguroso para todo o mexillón galego,
contribuindo así a mellorar a súa trazabilidade.
Por outra banda, durante a reunión Opmega trasladoulle á
conselleira a preocupación dos bateeiros ante as diferentes taxas portuarias que teñen que aboar pola súa ocupación da lámina de auga.
Carmen Gallego explicou a este respecto que a intención da Consellería é que exista unha única taxa para todas as rías que sexa percibida pola Xunta de Galicia e non polo Estado, tal e como sucede na actualidade.
Finalmente, os representantes do sector mexilloeiro manifestaron a súa inquedanza pola saída de mexilla de Galicia cara outros lugares. Neste sentido, a conselleira indicou que dende o seu departamento se está a traballar nun posible cambio normativo para dar resposta a esta situación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.