Notas de prensa

As obras da autovía do Barbanza contan cun orzamento de 127'2 millóns de euros e un prazo de execución de 27 meses

O desdobramento da actual vía permitirá incrementar a capacidade de tráfico e a seguridade viaria nun trazado caracterizado polo seu alto índice de sinistralidade e mortalidade.

O desdobramento da actual Vía do Barbanza, para a súa conversión en autovía, permitirá incrementar a capacidade de tráfico e a seguridade viaria nun trazado que rexistra un alto índice de sinistralidade e mortalidade.

Cunha lonxitude de 40,100 quilómetros, dos que 10 discorren en variante, a futura autovía entre Padrón e Ribeira contará con dúas calzadas de 7 metros cada unha, separadas por unha mediana de 1,2 metros -o que elimina o risco de colisión frontal-, con beiravías exteriores de 2,5 metros e interiores de 1 metro. Ademais, de cara a gañar máis cotas de seguridade, ampliaranse os radios das curvas e reduciranse as pendentes.

O trazado contará con doce enlaces -adaptación dos xa existentes- que permitirán o acceso á autovía dende os principais núcleos de poboación da zona e facilitarán a comunicación na comarca do Barbanza. Trátase, en concreto, das conexións de Padrón (N-550), Dodro-Lestrove, Rois-Imo, Bexo, Catoira-Vilagarcía, Rianxo, Taragoña, Boiro, Pobra (Norte e Sur), Palmeira e, finalmente, Ribeira.

O proxecto contempla, por outra parte, a construción de 11 viadutos, que permitirán salvar a orografía da zona, canles fluviais e outros obstáculos, entre os que destaca pola súa singularidade o viaduto sobre a Ría de Arousa, de 700 metros de lonxitude.

A Autovía do Barbanza contará con 51 pasos inferiores e 29 superiores, que facilitarán a comunicación entre ambas marxes. Esta infraestrutura viaria beneficiará, non só aos máis de 80.000 habitantes dos concellos polos que discorre (Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira), senón tamén ao resto da poboación galega, dado que mellorará considerablemente a comunicación cunha comarca de gran interese turístico como é a do Barbanza.

As obras iniciadas hoxe contan cun prazo de execución de 27 meses, cunha redución de nove meses sobre o período establecido nas condicións do concurso público.

Concesión a 30 anos

A construción, financiamento e explotación desta infraestrutura corresponde á sociedade “Autovía del Barbanza, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A.”, adxudicataria da concesión e integrada polas empresas Itinere Infraestruturas, S.A. e Corporación Caixa Galicia.

Esta sociedade asume na súa totalidade o financiamento das obras, nas que investirá un total de 127.199.339 euros, cantidade na que se inclúe o custe das expropiacións (5,5 M €) e da vixilancia e seguimento ambiental e patrimonial (0,2 M €).

NotaComo contraprestación e unha vez posta en servizo a totalidade da autovía, a CPTOPT aboará á concesionaria un canon de demanda que virá determinado polo número de usuarios desta infraestrutura, sen que estes teñan que pagar ningún tipo de peaxe. A concesión para explotar a Autovía do Barbanza ten unha vixencia de 30 anos, contados a partir da posta en servizo da totalidade desta infraestrutura.

Así mesmo, a Consellería esixirá uns niveis de calidade aceptables, tanto no que se refire á construción da autovía como ao seu mantemento e conservación. Neste senso, establecerá uns indicadores de calidade do servizo e do estado da infraestrutura de xeito que o seu grao de cumprimento repercutirá directamente nas achegas que a sociedade concesionaria reciba do departamento de Política Territorial.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES