Notas de prensa

Pesca soltou 5.000 exemplares de rodaballo nas praias grovenses de A Lanzada e de O Carreiro

O departamento que dirixe Carmen Gallego, a través do Igafa, soltou por primeira vez na Ría de Arousa exemplares deste peixe de entre 20 e 30 gramos.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Igafa, levou a cabo, por primeira vez na Ría de Arousa, a solta de 5.000 exemplares de alevíns de rodaballo, de entre 20 e 30 gramos de tamaño. Os técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura realizaron a solta, dende terra, de 2.500 rodaballos na praia de A Lanzada e doutros 2.500 peixes na praia de O Carreiro. Con esta actuación Pesca continúa co desenvolvemento do Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego que ten como principal obxectivo a avaliación da repoboación dos nosos caladoiros con diversas especies.

Coa finalidade de garantir as condicións sanitarias dos individuos empregados neste proxecto e para evitar pragas e contaxios indesexados, estes alevíns foron sometidos a estrictos controis microbiolóxicos e patolóxicos por parte de técnicos e biólogos do Igafa antes da súa solta. Unha vez no mar, os controis e o seguemento dos peixes, neste caso rodaballos, será exhaustivo e continuado. Así, a cada exemplar, colocóuselle unha etiqueta identificativa de cor laranxa co teléfono do Igafa e cun número referente ao ano da súa solta, é dicir, 2006. Estímase que no 2007 xa se poderán ter os primeiros resultados desta e das restantes soltas realizadas ata o de agora, aínda que haberá que agardar aproximadamente dous anos para dar conta do cumprimento das expectativas deste proxecto: corroborar a adaptación das especies xuvenís ao medio natural.

As xentes do sector da Ría de Arousa amosaron dende o primeiro momento o seu interese e apoio a esta iniciativa, tal e como se reflectiu na xuntanza que mantiveron a finais de setembro coa directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e os biólogos responsables do Plan. Ademais, comprometéronse a devolver ao mar aqueles rodaballos identificados que foran capturados antes de tres meses. Pasado este tempo, os mariñeiros levarán as especies que pesquen con etiqueta á confraría máis próxima, que se porá en contacto co Igafa para que os técnicos se despracen á zona e recollan os exemplares.

Accións de repoboación de rodaballo

Con esta actuación na Ría de Arousa complétase un dos obxectivos do Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego levado a cabo pola Consellería de Pesca dende o ano pasado: a solta de 20.000 exemplares de rodaballo alevín no noso litoral entre os anos 2005 e 2006. A primeira experiencia deste tipo, que se levou a cabo en outubro do ano pasado na praia de Lago (Muxía), foi moi satisfactoria, segundo os primeiros resultados acados polos técnicos de Pesca. De feito, puidose comprobar que a maioría dos 10.000 exemplares empregados nesta primeira acción se adaptaron perfectamente ao medio.

Este ano realizouse a solta de 10.000 exemplares máis, chegando así á cifra prevista polo citado Plan. Por criterio científico decidiuse que as soltas se realizaran en tres periodos diferentes: a principios do verán, a mediados e a finais da época estival. Nesta liña, a primeira iniciativa desenvolveuse en xuño na praia de Moreiras (Muxía) con 3.000 exemplares, a segunda tivo lugar na praia de Lago (Muxía) coa solta de 2.000 rodaballos e a terceira é a realizada esta mesma mañá nas praias de A Lanzada e de O Carreiro de O Grove con 5.000 peixes.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-10-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES