Notas de prensa

Innovación e Industria concede axudas por importe de 1,6 millóns de euros coas que se acada a presenza do 90% dos concellos galegos na Sociedade da Información

A Consellaría resolve as ordes de subvencións a concellos co gallo de financiar iniciativas no eido da Sociedade da Información a través de páxinas web.

A Consellaría de Innovación e Industria vén de conceder unha serie de axudas destinadas a fomentar a presenza dos concellos da comunidade autónoma na Sociedade da Información. Con estas medidas preténdese conseguir unha inversión total de aproximadamente 2,1 millóns de euros, dos cales Innovación e Industria subvenciona a cada concello até o 75% do seu gasto, o que supón un desembolso total de 1,6 millóns de euros aproximadamente. Con esta actuación lograrase que o 90% dos concellos galegos xa participen na Sociedade da Información.

Estas axudas, que foron publicadas no DOG do 30 de maio do presente ano, presentan dous tipos de actuacións segundo o volume demográfico de cada concello. Así, para os concellos que non superen os 6.000 habitantes preténdese que dispoñan dunha páxina web oficial, considerando que este é un medio indispensable para que os cidadáns poidan acceder a toda a información do seu municipio. No caso dos concellos cuxa demografía se sitúe entre os 6.000 e os 35.000 habitantes a Consellaría dotaraos de recursos financeiros para que poidan impulsar novas dinámicas sociais no ámbito da Sociedade da Información, a través da utilización de ferramentas que fomenten a interrelación entre os cidadáns e o achegamento da administración á xente do concello. Trátase con isto, entre outras, que as diversas asociacións poidan dispoñer dun espazo na Rede para promocionar e dar a coñecer as súas actividades.

Os indicadores do ano 2005 daban un moi baixo nivel de presenza en Internet dos concellos galegos. Esta cifra tornábase especialmente preocupante en concellos pequenos situados en zonas rurais, debido en parte aos escasos recursos económicos e sociais de moitos deles. Tan só un 31,25% dos concellos menores de 5.000 habitantes tiñan presenza na Rede. Estas medidas tomadas pola Consellaría de Innovación en Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, modificarán radicalmente o actual panorama permitindo que todos os concellos que solicitaron axuda teñan presenza na Rede.

De acordo coa liña vangardista e de constante evolución da Consellaría, as webs que se elaboren deben estar construídas sobre a base do software libre, dispor de documentos descargables en formato aberto, e ademais terán o galego como primeira lingua vehicular. Co fin de non limitar o acceso ás devanditas webs por parte de certos colectivos con discapacidades, estas cumprirán cos estándares de accesibilidade e usabilidade que son consideradas pola Unión Europea como normas de facto (W3C- WAI-AA).

O número total de concellos que recibirán as axudas é de máis de 180.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-10-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES