
O equipo municipal de Obras atópase nestes días moi atarefado co inicio das obras de acondicionamento do entorno da Igrexa de Santa María de Viceso, na aldea de Esparís. Hipólito Berdullas, Xefe de Obras visitaba a zona. O que se pretende sempre desde o Concello é mellorar a calidade de vida dos veciños. Por exemplo, aquí en Esparís pretendemos anchear este tramo duns 300 metros que da acceso á igrexa parroquial, para que xente e vehículos teñen un mellor tránsito. Ademais os obreiros adecentarán a zona, colocarán beirarrúas, asfaltarán, realizarán un peche do entorno mediante muros e instalarase, como non, o sistema completo de recollida de augas. O presuposto para estas obras ascende a 22.902,66 euros e inclúe o asfaltado da carreira cara Rois que xa está rematado.
Xunto a esta actividade en Viceso, a Brigada Municipal de Obras continúa co proxecto de mellora e reparación dos lavadoiros. Desta vez tocalle o turno ao de Senín, Piñeiro, Souto e Adoufo, todos eles na parroquia de Os Ánxeles; e ao de San Salvador, Cruxido e Valiño en Bastavales. Das obras pasadas podemos ver con asombro como o Muíño de Chave de Carballo xa está en funcionamento. Como podes ver a roda de pedra xa xira e a auga corre a un bo ritmo, sinálanos Hipólito.
Como peche deste tour co Xefe de Obras brionense, facemos parada técnica en Brión de Abaixo. ¡Como cambian os tempos! Agora ao ver estes muros xa rematados acórdome de canto empecei eu, hai uns 25 anos, poñendo asfalto as primeiras estradas do municipio como o que máis.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.