A Secretaría Xeral de Emigración prepara o marco normativo que permitirá que nas vindeiras semanas entre en funcionamento, dende a plataforma web Galiciaaberta.com, o Rexistro on line da cidadanía galega no exterior, unha ferramenta que permitirá un coñecemento máis directo e aproximado, xa cuantitativo xa cualitativo, da comunidade galega no exterior e do mapa de necesidades e demandas da emigración.
O Rexistro, que tenderá a cambiar o xeito de relacionarse con galegos e galegas residentes no exterior, busca que cos datos achegados polos rexistrados se poida coñecer de primeira man as necesidades e demandas da cidadanía galega, ademais de obter un perfil colectivo da mesma que permita o desenvolvemento de programas e políticas novas e máis efectivas, así como a avaliación dos efectos e do grao de satisfacción dos programas executados polo Goberno galego, a elaboración de indicadores sobre as expectativas e opinións acerca da situación social pola que atravesan, ou as súas expectativas de desenvolvemento inmediato e de futuro.
O obxectivo de implicar aos cidadáns no deseño de políticas máis efectivas, derivará, grazas ao Rexistro voluntario, nunha comunicación directa, sen intermediarios, coa comunidade galega no exterior, que previo rexistro nunha base de datos, poderá recibir toda a información relativa a axudas ou programas que pon á súa disposición a Xunta de Galicia. O novo Goberno supera así a barreira que supón a distancia física para obter datos dos cidadáns no exterior.
A falta de información, obstáculo co que historicamente se atopa a emigración, é un dos factores que levou á Secretaría Xeral de Emigración a explorar novos xeitos de comunicarse cos galegos no exterior, e así, engadiu ás canles de comunicación habituais (como os centros e a súa área gravitatoria, as oficinas conveniadas da Xunta no exterior, e os medios informativos) a explotación de novas vías para chegar aos emigrantes, e que permitirán cumprir cunha dobre finalidade, por unha parte, a democratización e difusión da información e, por outra, o achegamento á verdadeira realidade socioeconómica e cultural da emigración galega.
A Secretaria Xeral de Emigración en aras de promover e garantir o dereito á información de tódolos galegos e galegas aló onde residan, pretende superar tanto a barreira que implica a distancia física, como as eivas e obstáculos que estes cidadáns poidan atopar. Coa progresiva incorporación de cada vez más amplos sectores de poboación ó uso cotiá de Internet, faise mais doado fornecer novas fórmulas de achegamento tanto á produción como á circulación de fontes de información que permitan o fortalecemento dunha cidadanía informada.
Baixo esta necesidade xustifícase o Rexistro, que pretende implementar un sistema de envío automático de información a través do correo electrónico de cada usuario que se rexistre, para desta maneira superar os obstáculos que impiden que a información chegue en condicións óptimas
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.