Notas de prensa

Mancomun.org, Iniciativa Galega polo Software Libre, lanza a versión completa do corrector lingüístico en galego para o OpenOffice.org

A Iniciativa Galega polo Software Libre segue a medrar coa oferta continua e constante de produtos e actualizacións libres, gratuítas e en galego.

Mancomun.org-Iniciativa Galega polo Software Libre, proxecto da Consellería de Innovación e Industria que se realiza a través dun convenio de colaboración co Centro de Supercomputación de Galiza, vén de poñer a disposición de todos unha nova versión do paquete ofimático OpenOffice.org, cun corrector mellorado e
totalmente traducida ao galego. Este novo lanzamento enmárcase na súa liña de ofrecer de xeito constante produtos de software actualizados, no noso idioma e de xeito gratuíto e libre.

O OpenOffice.org 2.0.3 en galego vén acompañado dun novo corrector ortográfico con máis de 21 millóns de palabras recollidas co que mellora substancialmente ao anterior. Ámbalas dúas aplicacións pódense descargar libre e gratuitamente do portal www.mancomun.org e repartiranse en eventos de promoción do Software Libre e da lingua galega. O OpenOffice conta con todas as ferramentas ofimáticas básicas coma un procesador de textos, un xestor de follas de cálculo, un xestor de bases de datos ou un programa de presentacións. A próxima versión en inglés, de aparición inminente, tamén será traducida. O portal recibiu máis de 9.000 descargas das anteriores versións.

Mancomun.org- Iniciativa Galega Polo Software Libre pretende ser o punto de encontro das diferentes iniciativas sobre Software Libre que se están a desenvolver dende os diferentes ámbitos: institucional, empresarial, educativo, voluntariado, etc. A iniciativa ademais actúa coma Observatorio do Software Libre coa fin de estudar a realidade das empresas, os concellos, os centros educativos e a sociedade galega en
xeral, en relación ao uso das tecnoloxías abertas. O Observatorio ten desenvolvidas máis de 500 referencias relacionadas coa observación tecnolóxica, o papel do Software Libre nas pemes, as políticas e iniciativas ou grupos de usuarios de Linux. Por outra banda promove accións para a creación dunha industria tecnolóxica local baseada no Software Libre que axuden a promover a innovación e creen riqueza
no país.

Mancomun.org busca ofrecer de xeito libre e gratuíto un paquete de aplicacións básicas de uso común totalmente traducidas ao galego. Na mesma liña trabállase na creación dun grupo estable para a localización de software (tradución máis adaptación cultural dos programas informáticos) que dea unha resposta áxil e eficaz dende a comunidade do Software Libre á necesidade de tecnoloxías da información
na nosa lingua.

Recentemente o portal incorporou unha sección da súa web adicada en exclusiva a recoller as diferentes ferramentas lingüísticas e iniciativas existentes en Galiza para a tradución do software e o uso do galego en xeral. Confírmase así o Software Libre coma a mellor alternativa tecnolóxica para a normalización lingüística, a superación da fenda dixital existente en Galicia e a creación dunha potente industria de
software propia.

Sobre Mancomun.org

O portal Mancomun.org foi creado o dez de maio do 2006 pola Consellería de Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información e coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Actualmente o portal recibe unha media de máis de 1.000 visitas diarias situandoa coma unha referencia en todo o Estado. Os eixos principais de mancomun.org están baseados nun modelo de traballo colaboración, aberto e estandarizado, público, transparente e de calidade.

Cesga, 2006-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES