
O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, declarou que políticos e arquitectos deben traballar conxuntamente na procura da habitabilidade e a calidade residencial e arquitectónica. O presidente da Xunta referiuse a esta aposta contundente da que se desprenden consecuencias importantísimas para a mellora da calidade de vida dos cidadáns tales como sustentabilidade, mellores servizos, e contorno urbano e aposta pola planificación.
O máximo mandatario galego fixo estas declaracións na celebración do Día Mundial da Arquitectura en Santiago, que tivo lugar na residencia oficial en Monte Pío. Neste acto, representantes do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia deron lectura a un Manifesto no que expresan os seus principios reitores. Un dos puntos nos que incidiron na súa declaración alude á celebración da humanidade, punto que aplaudiu especialmente o mandatario galego.
Neste sentido Pérez Touriño, engadiu que tamén a arquitectura é, de seu, celebración da humanidade e desa función básica, ancestral, específicamente humana, que é construír e habitar no construído.
Apelación á responsabilidade pública
Tamén o presidente da Xunta quixo facer un chamamento na súa intervención á relevancia da responsabilidade pública no exercicio da profesión da arquitectura. Touriño recoñeceu que moitas veces os arquitectos vense sometidos a presións de todo tipo, non poucas veces contradictorias e non sempre fáciles de solventar. Por iso, -dixo- esa importante compoñente social únese á dimensión estética do exercicio da arquitectura, dotando ao traballo dos arquitectos dunha dimensión forxadora de memoria individual e colectiva e, polo tanto, de identidade cultural e territorial.
No acto de conmemoración do Día Mundial da Arquitectura tamén participaron a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride; a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero; o presidente en Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Carlos Almunia Díaz, e o arquitecto Manuel Gallego Jorreto, entre outras personalidades.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.