Notas de prensa

Pérez Touriño empraza ás forzas políticas a conseguir un Estatuto de todos e para todos, froito do diálogo aberto e franco e do máis amplo consenso político e social

O presidente da Xunta presidiu en Santiago o acto de imposición das Medallas Castelao 2006

“Hoxe como presidente da Xunta, constitúe para min unha obriga política e moral facer un chamamento ao conxunto da sociedade, e moi particularmente ás forzas políticas, para que entre todos consigamos o Estatuto que lle dea a Galicia a posibilidade de seguir desenvolvendo as súas capacidades. Un Estatuto de todos e para todos, que deberá ser froito do diálogo aberto e franco, da vontade de acordo e do máis amplo consenso político e social”. Este é o chamamento que o titular do Goberno galego realizou a toda a sociedade galega durante o acto de entrega das Medallas Castelao 2006, que este ano recaeron no médico Ángel Carracedo, na arquiveira e membro da Real Academia Galega Olga Gallego Domínguez, e no presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo.

Emilio Pérez Touriño considerou que o proceso de reforma estatutaria aberto na Comunidade galega constitúe “un deses momentos históricos no que Galicia ten que volver dar o mellor de si mesma”, posto que está diante dun momento “decisivo” no que “non pode permitirse o luxo de quedar atrás, dependendo do que fagan ou deixen de facer os demais”.

Deixar de lado os intereses partidistas

O titular do Goberno galego apelou á figura de Castelao como referente para abordar o traballo “que temos por diante”, un traballo “difícil”. Por iso fixo un chamamento a deixar de lado os intereses partidistas e actuar en base aos intereses xerais de Galicia: “É un traballo difícil no que todos deberemos actuar con xenerosidade e mirar máis alá dos nosos intereses políticos particulares, moi pequenos, se os comparamos cos intereses xerais de Galicia e da súa cidadanía”, sinalou.

A figura de Castelao

Nesta liña sinalou que, cando se cumpren setenta anos do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, “polo que tanto traballou Castelao e ao que con tanto entusiasmo contribuíu”, é “máis necesario ca nunca lembrar esta dimensión unitaria da súa figura” e recordar que se Castelao chegou a converterse nun símbolo da ética democrática e galeguista foi, a xuízo de Pérez Touriño, porque nos momentos claves “soubo sempre poñer Galicia por riba dos seus intereses políticos e persoais”.

O titular do Goberno galego tamén sinalou que probablemente non existe ningunha outra figura histórica da vida pública galega como Castelao –exceptuando a Rosalía de Castro- coa que “o noso pobo chega a establecer tan alto grao de identificación”. Neste sentido lembrou que Castelao tiña “a capacidade de entrar nos corazóns da xente, no tecido social” dunha maneira “tan masiva e aceptada” que só lle está reservada “aos máis bos entre os bos, aos máis xenerosos entre os xenerosos”.

Por iso avogou por “valorar axeitadamente” a “extraordinaria dimensión popular” de Castelao que o converteu nun “símbolo” que, ao seu entender, reúne catro características fundamentais: a bonhomía que transmitiu a través de toda a súa obra; a dignidade democrática e humana da vítima da persecución e a intolerancia; o compromiso inquebrantable coa lingua e a cultura de Galicia; e, finalmente, a unidade de todos os galegos, por riba de diferenzas partidarias.

As medallas, merecido colofón aos esforzos dos premiados

Por último, Emilio Pérez Touriño felicitou ás tres persoas galardoadas nesta edición coas Medallas Castelao 2006: Ángel Carracedo, Olga Gallego e Avelino Pousa Antelo, salientando que a distinción constitúe “o merecido colofón aos seus esforzos, á súa entrega e á súa excelencia”.

A Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, o titular da Xunta cualificouno como “decano do galeguismo, home bo, amigo que aínda hoxe mantén vivo o espírito xovial e esperanzado no futuro de Galicia”.

A Ángel Carracedo, Pérez Touriño deulle a noraboa lembrando que a medalla que recibe personaliza “o pulo, a calidade e os éxitos de Galicia nas investigacións médicas e científicas máis avanzadas” nun campo tan “fascinante e cheo de futuro” como é o da xenética.

Finalmente, de Olga Gallego o máximo mandatario autonómico salientou que foi “a primeira e, durante moito tempo, única muller membro da Real Academia Galega, arquiveira, documentalista e figura fundamental ao longo de moitos anos de traballo diario para a conservación do noso patrimonio documental, bibliográfico e arqueolóxico”.

“Vós os tres, queridos amigos –sinalou Pérez Touriño dirixíndose aos galardoados- representades, cada un de vós por distintas razóns, unha maneira de facer país, un xeito de construír Galicia do que Castelao se sentiría orgulloso”, concluíu.

Currículo de Ángel Carracedo Álvarez

NotaNacido en 1955 en Santa Comba, Ángel Carracedo Álvarez licenciouse en Medicina no ano 1978, obtendo o premio extraordinario de licenciatura e acadando o doutoramento no ano 1982. Ángel Carracedo completou a súa formación en Suecia, Estados Unidos e noutros países de América, Asia e Europa.

Na actualidade é catedrático de Medicina Legal na Facultade de Medicina de Santiago. Foi director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, do servizo de Xenética Forense e desde 1999 da Unidade de Medicina Molecular da Fundación Ingo.

Currículo de Olga Gallego Domínguez

NotaOlga Gallego Domínguez é licenciada en Filosofía e Letras, na sección de Historia, e pertence ao corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos. Ao longo da súa vida desempeñou diferentes cargos como directora do arquivo da Delegación de Facenda e da Biblioteca Pública de Vigo, directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, presidenta do grupo de colaboradores Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense e académica de número da Real Academia desde 1985.

Gallego Domínguez é asemade autora de diferentes obras e estudos entre as que destacan Guía de fuentes documentales sobre montes de la provincia de Ourense; Archivo histórico provincial de Ourense. Catálogo de textos y disposiciones legales impresas; ou El archivo del monasterio de Celanova, entre outras.

Currículo de Avelino Pousa Antelo

NotaAvelino Pousa Antelo naceu en San Xoán de Barcala (A Baña-A Coruña), no ano 1914. Cursou seis anos na Universidade Pontificia Compostelá, Maxisterio en Santiago, dous cursos de Comercio en Lugo e Xerente de Cooperativas en Zaragoza. Afiliado ás Mocedades Galeguistas, tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936.

Foi ademais agrarista e cooperativista, director da Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria e técnico de laboratorio do Cabildo Insular de Tenerife. Autor de numerosos artigos e libros, na actualidade é presidente da Fundación Castelao.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES