O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, destacou a necesidade de institucións supralocais modernas, especialmente de xestión de servizos e de planificación do territorio, para axudar a que os concellos de menor tamaño en Galicia poidan prestar servizos da mesma calidade que os grandes. O titular de Presidencia fixo estas declaracións nunha entrevista emitida na Radio Galega, onde afirmou que nas áreas menos urbanas é preciso un modelo de comarcas operativo, porque o que ata agora intentou o goberno anterior non ofreceu resultados válidos.
Méndez Romeu sinalou que, se ben o recentemente asinado Pacto Local non aborda directamente cuestións como as áreas metropolitanas e o papel das deputacións provinciais, estas últimas terán que xogar un papel con fórmulas modernas que vaian máis aló da mera subvención, e que inclúa eidos como a planificación, a concertación de servizos e o impulso para estimular aos concellos a agruparse en fórmulas de todo tipo, como as mancomunidades ou os consorcios.
Como exemplo, lembrou que os concellos máis pequenos teñen poucos funcionarios, apenas teñen recursos, e moitos deles non teñen servizos de arquitectura que poidan informar das licencias ou desenvolver os plans de ordenación urbana de forma racional, e para axudar a ter unha planificación moderna do territorio. Iso so de poderá conseguir se os concellos se agrupan entre si, ou se a medio das deputacións poden existir estructuras profesionais, o que se chama asistencia técnica, asegurou.
Autonomía dos concellos
O conselleiro considerou que a situación en Galicia de financiamento dos concellos fainos extremadamente dependentes do poder autonómico, o que non é bo para a autonomía dos concellos nin para un correcto funcionamento das institucións. Nese sentido, avogou por concellos que teñan capacidade de planificar a súa actuación e de dar respostas aos cidadáns nas competencias que lles son propias. Para isto, dixo, os concellos deben contar cun marco de financiamento garantido que lles permita tomar decisións propias, sen estar excesivamente condicionados por un elevado número de subvencións finalistas.
O que se comeza a facer co Pacto Local é o principio da modificación das regras de xogo en Galicia, afirmou. Explicou que agora se comezarán as distintas liñas previstas no acordo, como a modificación do marco legal en leis que afectan de xeito especial a vida local como a participación dos concellos na modificación da Lei do Solo, a planificación dos investimentos no rural ou o deseño de políticas medioambientais. Ademais, lembrou que o Goberno asumirá a xestión directa e o financiamento dalgúns servizos que ata agora están a cargo dos concellos, como os centros de saúde primaria.
O máis importante do Pacto Local, máis incluso que o texto, é o cambio de rumbo nas relacións entre a Xunta e os concellos de Galicia: queremos relacións baseadas na cooperación, na complementariedade das actuacións de cada un, e non tanto relacións baseadas na competencia, e menos aínda no solapamento de funcións, declarou Méndez Romeu.
Área Metropolitana de Vigo
En resposta a unha pregunta sobre a creación da Área Metropolitana de Vigo, o conselleiro destacou a vontade da Xunta e da alcaldesa de chegar a un entendemento sobre as distintas fórmulas para xestionala e planificala, e sinalou que, de chegar en breve a este acordo, poderase levar o proxecto de lei ao Parlamento galego antes do verán. A capacidade de planificación dos usos do territorio e a vontade de xestionar conxuntamente os servizos son os obxectivos principais que terá esta institución, segundo o titular de Presidencia.
Nembargantes, Méndez Romeu sinalou que levar a cabo esta experiencia é moi difícil, e lembrou que en España, áreas metropolitanas en sentido estricto non hai ningunha, e de caracter consorciado existen catro, para funcións moi especializadas. A reflexión que fixemos é que necesitamos unha estructura que non fracase e teña garantías de poder funcionar e que aborde de xeito moderno eses dous obxectivos, asegurou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.