Notas de prensa

Formación e proxeccións combínanse na programación de Novos Cinemas

A proxección de 13 longametraxes procedentes de 13 países, os encontros con profesionais e as actividades formativas combínanse na décimo primeira edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 8 e o 13 de decembro, coa Facultade de Comunicación como unha das súas sedes. Organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska, trátase dun certame centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras.

Este certame conta co financiamento da Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).

A Facultade de Comunicación acollía este xoves a presentación dunha programación que espallarase por diferentes puntos da cidade, como este centro do campus pontevedrés, onde se exhibirán os filmes da sección Latexos, ou a sede da Vicerreitoría. Na súa primeira xornada, ademais, a sesión de apertura verase precedida pola estrea das dez curtametraxes realizadas por estudantes do campus nun obradoiro impartido pola cineasta Candela Sotos.

Formación e participación do alumnado

Esa idea de Novos Cinemas de ir máis aló da exhibición de filmes, para ser tamén un espazo “que ofrece múltiples oportunidades formativas para o alumnado deste campus” foi destacada nesta presentación polo director de área do Campus Crea, Alberto Dafonte, quen incidiu na presenza no seu programa de obradoiros e conferencias ou polas posibilidades que brinda ao alumnado de participar na organización. “Resulta complicado pensar nun evento que reúna tantos focos de interese, tanto a nivel cultural como formativo e de experiencia práctica”, concluíu Dafonte, que puxo en valor a vontade da organización por “tratar de ir sempre un pouco máis aló” en cada edición.

A importancia de involucrar ao alumnado universitario nas diferentes actividades e o “esforzo que se fai en canto á formación” foron destacados tamén polo director da Agadic, Jacobo Sutil, que incidiu en que estas iniciativas súmanse a propostas como a Máster Class Audiovisual Galego Augal, que se desenvolve tamén nesta facultade, á hora de complementar a formación do alumnado a través do encontro co sector profesional. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, destacou que este festival achega “unha maneira diferente de entender o cinema”, mentres que o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, destacou que se trata dun festival “totalmente consolidado”, nunha presentación que contou tamén coa presenza da decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres.

Unha edición con múltiples sedes

A programación foi presentada polo director artístico do festival, Suso Novás, e a súa coordinadora, Elena García, que explicaron que as obras do Teatro Principal levaron a trasladar as proxeccións a diferentes espazos da cidade. Así, a sesión de apertura terá lugar no auditorio de Afundación e estará dedicada a As augas, de Ledicia Sola. Esta verase precedida, neste mesmo espazo, pola estrea das dez curtametraxes xurdidas do obradoiro Filmes como marismas, promovido polo Campus Crea xunto co festival. Cinexpo acollerá tanto a sesión de clausura, Todo é cárcere, de Eloy Enciso, como as proxeccións da sección oficial. Estas optarán, entre outros, ao premio outorgado polo xurado novo, integrado por estudantes da UVigo.

No caso de Latexos, os filmes poderán verse no salón de actos da Facultade de Comunicación, ao igual que os de Ceres, unha sección que, apuntou Novás, busca “pór en valor non só aos e ás cineastas, senón tamén aos centros formativos”. Para este apartado foron escollidas cinco curtametraxes de estudantes de diferentes universidades e escolas de cine de España e Portugal, entre as que se atopa o traballo dunha estudante da Facultade de Comunicación.

Por outra banda, Novos Cinemas dedicará o seu foco ao cineasta e produtor portugués Rodrigo Areias e a súa sección Carta Blanca ao festival ecuatoriano Cámara lúcida.

Conexións co sector profesional

Na programación insírense tamén o Terra Lab, un “laboratorio de desenvolvemento cinematográfico” para o que foron seleccionados catro proxectos; e Ágora, un espazo de conexión entre “diferentes axentes do sector”. A esta iniciativa sumarase o Fórum Luso Galego de Creatividade e Coprodución, promovido pola Agadic. Por outra banda, profesionais nacionais e internacionais protagonizarán os nove encontros que terán lugar tanto na Casa das Campás como no Museo de Pontevedra. Entre eles, o protagonizado este venres 27 pola estudante de doutoramento da Facultade de Comunicación Eva Blanco, quen afondará nunha liña de investigación que explora o cinema como obxecto cultural e social. Así mesmo, a Casa das Campás acollerá o 10 e 11 de decembro un taller do produtor Jesús Choya, centrado nas posibilidades de financiar unha primeira película, promovido coa colaboración da Escola de Cine de Madrid (Ecam).

Premios á Investigación do Cine Español

Alén de Novos Cinemas, a Facultade de Comunicación foi tamén protagonista este xoves no acto de entrega dos quintos Premios FlixOlé-URJC á Investigación do Cinema Español, da man da súa egresada Cristina Martínez. No acto desenvolvido na sede da Academia de Cine en Madrid, esta titulada recibiu o premio ao mellor traballo de fin de grao (TFG), polo seu proxecto audiovisual Creación do vídeo ensaio Terra luso-galaica de lendas e maxia. Previamente recoñecido nos VI Premios Crea, trátase dun traballo no que Martínez Penas buscou identificar “elementos visuais, narrativos e estéticos comúns que contribúen á construción dunha identidade cultural luso- galaica” nunha serie de coproducións galego-portuguesas. Desta investigación, titorizada por Anna Amorós, xurdiu un vídeo ensaio que presenta como unha “reflexión poética sobre esta terra luso-galaica como territorio de memoria, tradición, lendas e maxia”.

Promovidos por FlixOlé e a Universidad Rey Juan Carlos, estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer "aquelas investigacións pioneiras e proxectos divulgativos que poñen en valor a memoria, as obras mestras e os oficios do audiovisual español", segundo sinalaron desde a organización.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-sabemos.jpg) A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha 'Aquí Sabemos', unha nova identidade destinada a dar maior visibilidade aos produtos agroalimentarios galegos que contan con distintivos de calidade diferenciada. A iniciativa agrupa baixo unha mesma imaxe as denominacións de orixe (DO), as indicacións xeográficas protexidas (IXP), a Artesanía Alimentaria e a Agricultura Ecolóxica, co propósito de facilitar o seu recoñecemento por parte dos consumidores e reforzar a súa presenza no mercado. A nova marca nace como unha ferramenta común de promoción, que mantén os nomes de cada certificación, así como as súas características e garantías específicas, integrándose nunha identidade compartida que pretende amosar a diversidade e riqueza do sector agroalimentario galego.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) A instalación, que permanecerá na lagoa ata o 2 de maio de 2026, está realizada con madeira autóctona de castiñeiro e empregando técnicas tradicionais de carpintaría náutica. A obra recupera así saberes vencellados á arquitectura popular e á construción naval galega. A produción da mesma foi realizada pola empresa galega Casabio Timber Frame, contando coa colaboración de Jaime Pareja Arquitectura no seu proceso de deseño estrutural e adaptación ao terreo. 'A auga é un intre que aprendeu a quedar' parte dunha lectura contemporánea do territorio como unha paisaxe híbrida nacida da interacción entre os sistemas naturais e a acción humana.

Notas

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié presentaron o ALGa dixital, unha nova plataforma web que pon ao alcance da comunidade investigadora e universitaria e da cidadanía en xeral unha parte substancial dos materiais do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). No acto participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do Instituto de Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández, e o director do proxecto, o profesor Xulio Sousa.
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura de investigación do Centro de Investigación Mariña da UVigo, acolle as V Xornadas Internacionais de Xenética en Acuicultura, un encontro que reúne especialistas de España e Iberoamérica para analizar os principais desafíos da acuicultura desde unha perspectiva que integra a innovación, a biodiversidade e o benestar animal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES