
O presidente do comité organizador e director o iLingua, Javier Pérez Guerra, UVigo, explica que, igual que na primeira edición, o congreso buscará abordar contidos que se axusten ás liñas de investigación do instituto iLingua, que van dende a lingüística interna e variación lingüística; a relación entre sociedade, ideoloxía e política lingüística; linguas, cognición e educación; tradución e interpretación; lingua e literatura; lingua e accesibilidade; e humanidades dixitais.
En concreto, para esta segunda edición propuxéronse áreas como as humanidades dixitais, a accesibilidade ou o contacto lingüístico, sen descartar propostas que se axustan tamén ás liñas de investigación do iLingua. Como explica Pérez Guerra, este ano, sen dúbida, a investigación arredor das aplicacións da Intelixencia Artificial no noso ámbito ocupará un lugar salientable xa que recibimos numerosas comunicacións relacionadas. Xunto co coordinador do simposio, o profesor Alexandre Rodríguez Guerra, deseñaron un programa académico que a través das conferencias plenarias e mailos traballos aceptados, pon o foco moi en especial na investigación sobre a lingua galega.
De xeito máis específico as conferencias e comunicacións tratarán temas como a IA como reto para a investigación en filoloxía, lingüística e tradución e interpretación; a accesibilidade como un dereito da cidadanía; a linguaxe sinxela no contexto administrativo e xurídico; as oportunidades de investigación nas humanidades dixitais; as linguas de signos e as súas achegas á investigación lingüística; reflexións sobre as edicións críticas de textos; estudos queer en tradución e lingüística; contacto lingüístico e sociolingüística; linguas indíxenas e diversidade lingüística; lingüística aplicada (computacional, forense, clínica); estudos de tradución e novas abordaxes de investigación; xestión de centros de investigación universitarios en linguas, literatura e tradución; e xestión de revistas científicas universitarias de linguas, literatura e tradución.
Máis de 60 comunicacións
Co prazo de presentación de comunicación xa pechado dende o verán, para esta edición a organización recibiu máis propostas das que podiamos acoller, malia ampliación do número de sesións e a duración do congreso. Ademais das conferencias plenarias, máis de 60 comunicacións serán presentadas no CIIL2026 por autores e autoras procedentes de universidades e centros de investigación de Galicia, España e ata dez países diferentes.
O programa inclúe tamén catro conferencias convidadas xa confirmadas. A primeira delas correrá a cargo de Miguel Casas Gómez, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Cádiz e gastprofessor de Lingüística na Universidade de Saarbrücken impartirá un relatorio titulado Semántica, terminología y lingüística digital. Outra das convidadas será a escritora Teresa Moure, doutora en Lingüística e docente nas facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela que reflexionará sobre os discursos de odio e fará unha revisión á luz da filosofía da linguaxe. Tamén ofrecerá unha conferencia plenaria Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, baixo o título Facer lingüística desde unha lingua minorizada: unha ollada á lingüística galega dos últimos 50 anos. Finalmente, o cuarto convidado será Jorge Díaz Cintas, catedrático de Tradución e fundador do Centre for Translation Studies (CenTraS) no University College London, cun relatorio titulado Entre la fidelidad y la responsabilidad: el reto del lenguaje sensible en la traducción audiovisual.
Unha primeira edición que marca o camiño a seguir
A primeira edición do congreso, explica Pérez Guerra, foi un éxito que supuxo unha gran visibilidade nacional e internacional para o iLingua, de aí que o instituto acordara mantelo como evento regular, preferiblemente anual. O CIIL2025 permitiunos ademais manter reunións e establecer unha rede de contactos con outros institutos de investigación do noso ámbito que contan cunha traxectoria máis extensa tanto no ámbito estatal coma fóra de España.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.