Notas de prensa

O sector aeroespacial pon en valor en Ourense o seu papel estratéxico na resposta aos grandes retos ambientais

Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga.

Na cita, arredor de medio centenar de axentes do sector público e privado exploran o uso de satélites, plataformas de grande altitude, drons e tecnoloxías de teledetección, "ferramentas que están a revolucionar a forma en que observamos, analizamos e xestionamos o territorio”.

Unha oportunidade estratéxica

O congreso, que ten por lema Sistemas aeroespaciais para respostas multisectoriais ante desafíos ambientais, está organizado pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense e promovido polo Campus Auga, proxecto de especialización acreditado e financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Conta ademais co patrocinio da Deputación de Ourense. Na súa apertura este xoves, Nieves Lorenzo, directora da escola organizadora, salientou que o congreso busca “amosar dun xeito integrador como a aeronáutica non é unha cousa afastada do noso día a día, senón que é algo que está en todas partes, necesitámola para a innovación tecnolóxica na agricultura, para afrontar o problema dos incendios, para o estudo climático e para a actuación en catástrofes naturais, entre outras moitas cousas”.

Do mesmo xeito, Alberto Vaquero, director do Campus Auga, puxo en valor como este congreso constitúe “un espazo de converxencia” entre os axentes que traballan arredor do sector aeronáutico tanto no ámbito público como privado, un sector que, afirmou, na actualidade supón para Galicia “unha oportunidade estratéxica de primeira orde”. Igualmente, destacou o papel do proxecto de especialización do Campus Auga e o seu carácter transversal, como queda patente na celebración deste evento centrado no ámbito aeroespacial.

Pola súa banda, José Alberto Díaz de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, felicitou á organización do congreso pola iniciativa e lembrou que “Ourense é un dos campus que ten un futuro máis positivo e prometedor” no contexto galego. O responsable institucional sinalou que o seu campus de especialización, o Campus Auga, foi o primeiro dos campus periféricos de especialización en formar parte do programa da Xunta de Galicia e lembrou que na actualidade está en proceso de renovación da súa acreditación. Deste Campus Auga, destacou o feito de que está “moi inserido no campus” de Ourense o seu carácter transversal.

Tamén participou na inauguración Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeroespacial Galego. El puxo en valor as cifras do sector aeroespacial en Galicia: arredor 1700 traballadoras e traballadores, máis de 60 empresas vinculadas e máis de 180 millóns de facturación anual. Estas cifras, apuntou, están en crecemento ano a ano nun sector que hai unha década practicamente non existía na comunidade autónoma galega. Porén, subliñou, na actualidade “Galicia é pioneira” en moitas solucións que se ofrecen desde o sector aeroespacial, “despuntando moito por exemplo en aeronaves non tripuladas”. Para continuar neste camiño ascendente, Mallón destacou a importancia de “pór en valor a industria aeroespacial galega” e a aposta polo coñecemento neste eido. Por último, Rosendo Fernández, presidente do Inorde, salientou a relevancia e pertinencia deste congreso cuxas temáticas, subliñou, “teñen unha clara conexión co noso territorio e tocan temas importantes e próximos á nosa provincia”, citando como exemplo a viticultura e os incendios.

26 comunicacións, conferencias, mesas redondas e demostracións

O congreso, que se desenvolve no edificio Xurídico-Empresarial, arrancou tras a súa inauguración oficial cunha conferencia titulada GNSS R: innovación aeroespacial para comprender e responder aos desafíos ambientais, de Estel Cardellach Galí, investigadora do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya e do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE CSIC). A convidada centrou a súa intervención en explicar a técnica de reflectrometría con sinales de navegación, “que é unha técnica relativamente nova pero que xa está orbitando en máis de 40 satélites, sendo unha das cargas que está nos oito satélites da constelación atlántica española”. Esta técnica, apuntou, é pouco coñecida pero ten moitísimas aplicacións e pode ser útil para agricultura, clima, meteoroloxía, oceanografía, medio ambiente, etc. Dela destacou que ofrece a oportunidade “de ter máis medidas dunha forma máis asequible, sostible e económica, xa que son instrumentos pasivos que non necesitan transmitir potencia, empregando sinais que xa outros satélites, neste caso os de navegación, ofrecen de forma operacional”. Ademais, a relatora apuntou que esta técnica “mellora algúns servizos, como pode ser a detección de auga en superficie baixo capas de vexetación densa”.

Tras esta conferencia comezou un dilatado programa no que haberá 26 comunicacións de especialistas e mesas redondas sobre Agricultura de Precisión e Produción Sostible; Incendios Forestais e Seguridade Ambiental; e Cambio Climático, Urbanismo e Planificación Territorial na Xestión da Auga e dos Recursos Naturais. O persoal investigador, profesionais, empresas tecnolóxicas, entidades e administracións públicas asistentes terán a oportunidade de coñecer os avances máis recentes en ámbitos clave como a monitorización de cultivos e agricultura de precisión, “con aplicacións que permiten optimizar rendementos, reducir custos e minimizar impactos ambientais”, e a xestión eficiente da auga mediante sistemas de observación capaces de anticipar necesidades e mellorar a planificación hídrica. Tamén se abordará a prevención e xestión de incendios forestais, “onde a información en tempo real e os modelos preditivos convertéronse en aliados imprescindibles” e os impactos do cambio climático, “analizados desde unha perspectiva transversal que conecta ciencia, tecnoloxía e políticas públicas e onde modelos de predición ambiental que integran datos aeroespaciais permiten anticipar riscos, avaliar escenarios e apoiar a toma de decisións”.

Na programación teñen un papel destacado diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo, que presentarán diferentes proxectos e iniciativas que están a desenvolver no eido da temática do congreso. Así, participarán membros do Aerospace and Transportation Systems Laboratory (Aerolab), do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA), do Grupo de Enxeñaría Física, de EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) e da Escola de Enxeñaría Forestal, entre outros. Tamén haberá varias demostracións de sistemas aéreos, a cargo do grupo de Aerolab e do proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae) da UVigo.

A conferencia de clausura leva por título Uso de pseudo-satélites para a vixilancia de ecosistemas e resposta ante catástrofes naturais e será ofrecida por Rubén Moreno, enxeñeiro xefe en Skydweller Aero. A clausura do congreso, ás 13.45 h, contará coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora del Campus de Ourense; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, e Josefa de León, presidenta de Viratec-Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-10-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaje.jpg) O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
Foto de la tercera plana (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia rexistrou un mes de setembro seco e moi cálido, cunha temperatura media de 20,4 graos, é dicir, 2,4 graos por riba do habitual nesta época do ano. De feito, foi o segundo setembro máis caloroso na Comunidade desde 1961 (ano de inicio da serie histórica), tan só superado polo de 2018. Así consta no último informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. O comportamento do mes pasado estivo marcado no conxunto da Comunidade polas altas temperaturas, moi por riba do habitual nesta época do ano, e por varios episodios de calor que se sucederon ao longo das catro semanas. A explicación estivo fundamentalmente no predominio das xornadas anticiclónicas.

Notas

A Coruña converterase do 21 ao 23 de outubro nun punto de encontro de referencia para o debate sobre a transformación dixital da Xustiza coa celebración da quinta edición do DATAfórum Justicia 2026. O encontro reunirá máis de 180 especialistas e máis dun milleiro de asistentes para analizar o impacto das novas tecnoloxías, dos datos e da intelixencia artificial no presente e no futuro do sistema xudicial.
Na vangarda do desenvolvemento tecnolóxico, o avances no sector aeronáutico e aeroespacial teñen impacto en moi diferentes sectores, desde o uso de drons para optimizar a agricultura ata a monitorización de incendios. Co obxectivo de afondar en como a innovación aeroespacial está a redefinir a xestión ambiental e agraria e a resposta aos grandes retos ecolóxicos actuais, o campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do VI Congreso Internacional do Campus Auga.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES