Notas de prensa

Unha investigación da USC descobre mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

O Neolítico Final foi un período de profundos cambios sociais en toda a Península Ibérica. Con todo, en Galicia existe un importante oco de coñecemento sobre como vivían e como morrían as persoas que habitaron ese tempo. Agora, unha investigación liderada polo catedrático da USC Antonio Martínez Cortizas acaba de publicar dous traballos científicos que permiten afondar na vida das persoas que facían olaría hai 5.000 anos.

O segredo está na cerámica tipo Penha, característica do oeste peninsular, sendo Galicia a área máis representativa deste tipo de cerámica escura e cunha decoración en forma de raias. A investigación estudou como se facía esta cerámica, combinando o estudo tipolóxico e arqueométrico. Os resultados indican que se cocía a baixa temperatura, pois non superaba os 900 graos, e durante un tempo relativamente curto, inferior a cinco horas. Cada pobo producía a súa propia cerámica Penha empregando recursos da súa contorna e coa súa propia “receita”. “Case como sucede hoxe co cocido, cada área tiña a súa maneira de facela”, explican dende o equipo investigador. “Eran uns cacharros que se producían relativamente rápido e especialmente deseñados para a vida diaria”, sinalan. “Isto fálanos dunhas sociedades avanzadas e autosuficientes”, engaden. Mais o estudo tamén suxire movementos entre pobos e vilas próximas e incluso se comprobou que algunhas cerámicas viaxaron da costa ao interior como intercambios ou souvenirs.

Mercurio

O máis sorprendente destes dous estudos é o achado de mercurio como parte da composición da cerámica. De feito, trátase da primeira vez que o mercurio se analiza en cerámica arqueolóxica. Este estudo forma parte do proxecto europeo ERC PollutedPast, que dirixe Olalla López Costas, encamiñado a coñecer o impacto dos metais tóxicos nas sociedades do pasado. Neste caso, observouse que o mercurio formaba parte dos barros cos que se fixeron as cerámicas tipo Penha. “Hai moita variabilidade entre xacementos arqueolóxicos, pero o coñecido illote de Guidoiro Areoso mostra algunhas cerámicas con contidos extraordinarios de mercurio”, apuntan.

Este elemento químico pode ter consecuencias graves para a saúde e era moi difícil de obter, as minas de mercurio están situadas a grandes distancias como Asturias ou Almadén, en Ciudad Real. As sociedades de hai 5.000 anos do sur e centro peninsular tiñan un especial interese no cinabrio, o sulfuro de mercurio de intensa cor vermella. En Galicia o uso documentado de cinabrio é aínda moi escaso, con presencia documentada só no dolmen de Chan de Armada en Pontevedra. Neste momento queda por resolver se a presenza do mercurio se debe ao uso de barros con alto contido neste elemento, ou se foi engadido á pasta de xeito intencional (uso ritual) ou por unha preferencia polo mercurio das sociedades galegas do Neolítico Final.

Este traballo forma parte do proxecto de RODAS que financia o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, para o estudo das sociedades deste período. No futuro engadiranse novos xacementos como as cerámicas da Roda de Corro dos Mouros en Adai, Lugo, onde todos os anos escava este grupo de investigación.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES