Notas de prensa

O CITIC reunirá na Coruña a expertos internacionais para avanzar no estudo do Sol durante a semana da eclipse

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC será o anfitrión do III Congreso Internacional Solar MHD, un encontro científico de referencia que reunirá a persoal investigador de todo o mundo durante a semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, un fenómeno que converterá a España nun dos principais escenarios para a observación.

O congreso, dirixido localmente por Manuel González Penedo, director do CITIC, dará continuidade a unha iniciativa internacional que comezou no Reino Unido en 2022 e celebrou a súa segunda edición en Tenerife no ano 2024. Á súa vez, esta serie de encontros ten a súa orixe nas reunións Reino Unido-Ucraína-España sobre Física Solar e Ciencia Espacial, que durante anos congregaron a especialistas internacionais en Ucraína, unha tradición que se viu interrompida pola invasión rusa.

Con esta terceira edición, a comunidade científica mantén vivo un foro de colaboración internacional imprescindible para impulsar o coñecemento sobre a física solar e fortalecer as redes de investigación entre grupos de distintos países.

Comprender mellor o funcionamento do Sol

O principal obxectivo do congreso é favorecer o intercambio de coñecementos entre persoal investigador que estuda a atmosfera solar mediante simulacións magnetohidrodinámicas e observacións de alta precisión. A magnetohidrodinámica é a disciplina que analiza o comportamento dos plasmas —o estado no que se atopa a materia que compón o Sol— baixo a influencia dos campos magnéticos, unha ferramenta esencial para comprender fenómenos como as erupcións solares, a formación da coroa ou o vento solar.

Durante varias xornadas, especialistas internacionais debaterán sobre algúns dos retos científicos máis relevantes deste campo, como a conexión entre as observacións realizadas durante as eclipses e as simulacións numéricas, o emprego de intelixencia artificial e técnicas de machine learning para analizar grandes volumes de datos, o estudo de ondas, turbulencias e reconexión magnética, os modelos avanzados de plasmas e as novas xeracións de simulacións MHD aplicadas tanto ao Sol como a outras estrelas.

A conferencia tamén abordará as técnicas máis innovadoras para medir o magnetismo solar e dedicará sesións prácticas á utilización de ferramentas computacionais e códigos numéricos de última xeración, favorecendo a colaboración entre grupos de investigación e o desenvolvemento de futuros proxectos internacionais.

A eclipse solar, unha oportunidade científica única

A celebración do congreso coincidirá coa semana da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026, unha circunstancia que converte esta edición en especialmente relevante. As eclipses constitúen unha oportunidade excepcional para observar a coroa solar, a capa máis externa da atmosfera do Sol, cuxa estrutura e dinámica continúan sendo obxecto de intensas investigacións.

A coincidencia entre este fenómeno astronómico e a reunión científica permitirá reforzar a relación entre as observacións obtidas durante a eclipse e as simulacións numéricas máis avanzadas, contribuíndo a mellorar os modelos tridimensionais que explican o comportamento da atmosfera solar.

Unha cita con vocación internacional

Solar MHD 2026 contará coa participación de estudantes de doutoramento, persoal investigador nas primeiras etapas da súa carreira e científicos de recoñecido prestixio internacional procedentes de universidades e centros de investigación de Europa, Estados Unidos e Asia, consolidando o carácter global dun encontro que nas súas anteriores edicións reuniu a especialistas dalgúns dos principais grupos de investigación en física solar do mundo.

A organización científica está integrada por expertos de institucións de referencia internacionais, mentres que o comité organizador local reúne a investigadores do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade da Coruña, a Universidad de La Laguna (ULL) e o CITIC.

Sobre o CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un centro de investigación da Universidade da Coruña creado en 2008 para impulsar o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás tecnoloxías da información e as comunicacións.

A súa actividade científica estrutúrase en catro grandes áreas de investigación: Intelixencia artificial, Ciencia e Enxeñería de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha liña transversal dedicada á Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e forma parte da Rede CIGUS para o período 2024-2027, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do centro está cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo de promover unha Europa máis intelixente mediante unha transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).

Universidade da Coruña (UDC), 2026-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES