Notas de prensa

O profesor Alberto Vaquero, novo director do Campus Auga

O profesor Alberto Vaquero é o novo director do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Relevando no cargo a Roberto Ignacio Fernández, o novo responsable asume con ilusión e ganas a dirección dun Campus Auga que, afirma, 'ten que ser o selo de calidade para o noso campus de Ourense'.

qDirixir este campus de especialización, sinala Alberto Vaquero, “é un reto moi importante para calquera e espero que grazas ao traballo de todos os que formamos parte deste ilusionante proxecto, academos o mellor para el”. Neste senso, apunta que “eu son un xogador de equipo e dende logo teño claro que só aportando entre todos e todas se logran bos resultados”.

Dilatada traxectoria na UVigo e no Campus Auga

Alberto Vaquero é profesor titular de Economía Aplicada na UVigo, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e Mestrado en Economía. Imparte docencia de grao, mestrado, doutoramento e Programa Universitario de Maiores tanto no campus de Ourense como no de Vigo. É investigador do Departamento de Economía Aplicada, membro do grupo GEN (Governance, Economic and Nature), grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia, e do centro de investigación interuniversitario Ecobas (Economics and Business Administration for Society). Foi profesor en varias universidades da Comunidad de Madrid e traballou como asesor especializado no Consello Económico e Social de España e no Gabinete da Ministra de Educación e Ciencia.

Nesta traxectoria tamén destaca a súa participación ao longo dos anos no desenvolvemento do Campus Auga. “Xa no primeiro mandato do ex-reitor Salustiano Mato, participei, como director da Ãrea de Descentralización do campus de Ourense, no primeiro plan estratéxico do que agora é o noso campus de especialización”, comenta Alberto Vaquero. Tamén formou parte da comisión científica do proxecto, como secretario, onde se definiron as súas liñas estratéxicas, e do seu comité executivo, durante a dirección de Enrique Barreiro e Nelson Pérez. Nos últimos anos foi o vogal de transferencia e emprendemento no comité de dirección, sendo director do Campus Auga Roberto Ignacio Fernández. “Con todos eles e cos diferentes vicerreitores e vicerreitoras do campus de Ourense (María Lameiras, Virxilio Rodríguez, Esther de Blas, Elena Rivo e Francisco Javier Rodríguez Rajo) aprendín moito”, sinala respecto a esta participación no proxecto. Sobre o seu nomeamento agora como director do Campus Auga, Alberto Vaquero destaca que “agradezo a confianza depositada pola reitora Carmen García Mateo e moi especialmente pola vicerreitora do campus de Ourense, María Montserrat Cruz, para desenvolver este proxecto. Dende logo, eu creo nel, e estou seguro do seu éxito”.

Retos e prioridades

Sobre a entidade que pasa a dirixir, Alberto Vaquero subliña que “en menos de 13 anos avanzamos moitísimo. Os que imos cumprindo anos nesta Universidade somos testemuñas de que todos os equipos reitorais dedicaron tempo e esforzo ao seu desenvolvemento”. Nesta evolución, destaca como o Campus Auga “tivo un importante desenvolvemento dende que foi acreditado como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia”. A dotación achegada pola Xunta de Galicia para este período 2024-2027, detalla, superou os tres millóns de euros e ese investimento posibilitou accións de docencia, investigación e transferencia durante os últimos tres anos, levándose a cabo “un abano de actividades moi completa e de calidade”. Así, enumera, “puidéronse resolver prazas de investigadores predoutorais e postdoutorais, premios de investigación, transferencia e innovación, de desenvolvemento de transferencia, varios congresos, mercáronse infraestruturas, aprobáronse bolsas de mobilidade, programas de formación para o persoal docente e de investigación e axudas para a internacionalización”. Grazas a esta acreditación, engade, fomentouse a especialización do campus de Ourense. “O traballo feito nestes anos foi moito e moi bo e agardamos continuar este labor tras superar a reacreditación do Campus Auga nos próximos meses”, afirma o responsable académico.

Para o mandato que se abre agora, Alberto Vaquero sinala que “o reto más importante, o que é a nosa prioridade número un (e digo a nosa prioridade porque isto debe ser una aposta conxunta por todo o campus de Ourense en particular e para a Universidade de Vigo en xeral) é conseguir a reacreditación do Campus Auga como campus de especialización do Sistema Universitario Galego”. Amosando a súa confianza na superación desta reacreditación, apunta que “dende logo os excelentes resultados dos últimos anos son boa mostra de todo o que se fixo”.

Máis aló deste horizonte a curto prazo, Alberto Vaquero explica que tamén aposta por fomentar no Campus Auga unha maior colaboración entre as súas actuacións, tanto as chamadas liñas de especialización (alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión do auga termal), como nas áreas de soporte (intelixencia artificial, economía circular e lexislación agroalimentaria e medio ambiental). “De feito, na nova proposta de plan estratéxico do Campus Auga, que será avaliada en breve, queremos abrir máis todas estas liñas para potenciar a auga, como elemento aglutinador do noso campus de especialización”, afirma. A investigación, a transferencia e a docencia de calidade, apunta o novo director, “pasan por ser multidisciplinares e neste campus temos moi bo persoal docente e persoal investigador que vén aportando o seu traballo para acadar excelentes indicadores en todos este eidos. Con todo, é necesario fomentar máis esta interrelación”. Igualmente, adianta o desexo de “mellorar as colaboracións con outros campus de especialización, una actividade que xa estamos comprometidos dende o primeiro minuto en que fomos nomeados, e coas empresas e institucións públicas e privadas. O interese por colaborar co Campus Auga é total”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-08-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES