
Nomeadamente, o proxecto no que participa o grupo de investigación HealthyFit propón a creación de Aldeas Smarthaus, concibidas como laboratorios vivos para a innovación en servizos de saúde e coidados asistenciais, que funcionarían como aldeas piloto nas que desenvolver modelos innovadores de asistencia sociosanitaria accesible e participativa na contorna rural, sinalan os seus promotores.
Cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros, financiado nun 75% con fondos FEDER, trátase dun proxecto liderado pola Deputación de Pontevedra, que este mércores acollía a reunión de lanzamento dunha iniciativa que se estenderá ata decembro de 2028. O catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, investigador principal do proxecto na UVigo, e o profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez participaban nesta xornada no primeiro encontro dun consorcio que agrupa 17 institucións e entidades. Xunto a UVigo, que obtivo un financiamento de preto de 190.000 euros, en Activa Rural Transfronteirizo están representadas a Universidade de Santiago de Compostela e os institutos politécnicos de Bragança e Leiría, así como a Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense, León, Cáceres e Zamora. A relación de entidades asociadas complétase con seis comunidades intermunicipais de Portugal e co Centro de apoio á innovación tecnolóxica en intelixencia artificial para a transformación dixital.
Creación de Aldeas Smarthaus
O propósito deste proxecto é impulsar un modelo de coidados inclusivo, accesible e sostible a través da creación das denominadas Aldeas Smarhaus, nas que se aplicarían os principios de sostibilidade, inclusión e estética da Nova Bauhaus Europea, a través da integración de tecnoloxías asistenciais, participación comunitaria e actividades orientadas ao envellecemento activo. Deste xeito, búscase dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal, como a falta de acceso a servizos asistenciais, a fenda dixital ou a soidade non desexada. Así o puxeron de relevo na inauguración desta xuntanza o deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo. Sabemos que nas áreas rurais existen dificultades e retos que teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas, e este proxecto nace precisamente para dar unha resposta coordinada e innovadora e a esa realidade, salientou Tourís.
Da diagnose ás aldeas piloto
O consorcio do que forma parte o grupo HealthyFit traballará ao longo dos próximos dous anos no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e modelos de proximidade centrados na persoa, que permitan garantir o acceso a servizos esenciais, fomentar a autonomía persoal e contribuír á participación comunitaria e ao desenvolvemento socioeconómico nestas áreas. Con eses obxectivos, Activa Rural Transfronteirizo estrutúrase en seis áreas de traballo, entre as que se atopa a de diagnose e planificación estratéxica da gobernanza transfronteiriza. Nesta insírense propostas como a creación do Laboratorio Bauhaus de coidados, que reunirá actores públicos, privados e comunitarios para definir estratexias no ámbito sanitario e sociosanitario; así como unha mesa transfronteiriza de envellecemento saudable, que se encargará de realizar unha análise participativa das necesidades e desafíos nos ámbitos do proxecto.
O seu labor levará á definición dun plan estratéxico de asistencia sociosanitaria e envellecemento activo, cuxas directrices constituirán a base dos traballos de desenvolvemento de novos modelos asistenciais. Neste bloque de traballo insírese tanto o desenvolvemento de tecnoloxías asistenciais e solucións dixitais, como actividades formativas en materia de asistencia sociosanitaria e apoio activo. Outro dos bloques de traballo abordará a elaboración dunha axenda estratéxica de envellecemento activo e participación social, que recolla un conxunto actividades culturais, formativas, deportivas, de voluntariado ou de ocio orientadas a áreas rurais e deseñadas coa participación de múltiples axentes.
Outro dos eixes do proxecto será a selección das aldeas piloto nas que se porán en práctica os modelos asistenciais e as actividades definidas no marco deste proxecto, a través dun plan de acción específico para cada unha das seleccionadas. O propósito desta fase é tratar de demostrar a efectividade das Aldeas Smarthaus como modelos replicables de innovación social, sanitaria e comunitaria en áreas rurais transfronteirizas, sinalan os promotores dun proxecto que se completa cos grupos de traballo de coordinación e comunicación.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.