Notas de prensa

A UDC analiza o sistema internacional contemporáneo nunha xornada sobre multilateralismo e desorde internacional

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu a xornada “O sistema internacional contemporáneo: multilateralismo e desorde internacional”, un encontro académico de alto nivel que reuniu especialistas internacionais para reflexionar sobre os principais retos actuais da orde xurídica internacional. A xornada serviu tamén como acto de homenaxe ao profesor José Manuel Sobrino Heredia, catedrático emérito de Dereito internacional público da UDC.

Esta homenaxe permitiu poñer en valor unha longa traxectoria académica e científica, así como o seu labor como mestre de varias xeracións de xuristas e referente no Dereito internacional contemporáneo.

O encontro contou con poñentes de primeiro nivel procedentes de Academias de España, Italia, Francia e Romanía, así como cos presidentes da Asociación Española de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais (AEPDIRI) e da Association Internationale du Droit de la Mer (AssiDMer).

As palabras de benvida e introdución correron a cargo das profesoras Gabriela A. Oanta (UDC), Jacobo Ríos Rodríguez (Université de Perpignan Via Domitia) e Belén Sánchez Ramos (Universidade de Vigo), que explicaron as catro mesas temáticas representativas nos que se asentou a xornada.

A primeira mesa, dedicada ao multilateralismo e a desorde internacional nos mares e océanos, estivo moderada por Rafael Casado Raigón (Universidade de Córdoba), quen puxo en valor o papel do multilateralismo como garantía dunha gobernanza marítima previsible e xuridicamente sólida. Interviñeron Teresa Ponte Iglesias (USC), que analizou a protección dos océanos no contexto do cambio climático, e Guillaume Le Floch (Université de Rennes), que abordou os mecanismos de solución de controversias en Dereito do mar e as implicacións do recente Tratado de Alta Mar.

A segunda mesa, centrada no multilateralismo e a desorde internacional nas organizacións internacionais, moderada por Jorge Cardona Llorens (Universidade de Valencia), quen reflexionou sobre o papel actual destas organizacións nun contexto marcado polo auxe de posicións unilaterais. As intervencións de Ana Badía Martí (Universidade de Barcelona), Javier Roldán Barbero (Universidade de Granada) e Ion Galea (Universidade de Bucarest e xuíz do Tribunal Xeral da Unión Europea) ofreceron unha visión xurídica, política e xurisprudencial complementaria sobre estes desafíos.

A terceira mesa, dedicada ás relacións de cooperación para o desenvolvemento, estivo moderada por Carlos Teijo García (USC) e abordou os cambios de paradigma neste ámbito. Stefania Negri (Università degli Studi di Salerno) analizou a gobernanza mundial da saúde, mentres que François Féral (Université de Perpignan Via Domitia) tratou o recoñecemento progresivo dos dereitos dos pobos autóctonos no marco do Dereito internacional.

A xornada pechouse cunha cuarta mesa dedicada á acción exterior da Unión Europea, moderada por Luis Norberto González Alonso (Universidade de Salamanca). Nela, Ángel Rodrigo Hernández (Universidade Pompeu Fabra) reflexionou sobre o papel da Unión Europea na configuración da orde internacional post-liberal nun contexto de incerteza e cambio de época.

Tras a lectura dunhas palabras do profesor Manuel Pérez González e a proxección dunha mensaxe gravada de Alejandro del Valle Gálvez, a clausura correu a cargo de Giuseppe Cataldi (Università degli Studi di Napoli “L’Orientale”, presidente de AssiDMer) e Guillermo Palao Moreno (Universidade de Valencia, presidente da AEPDIRI), quen subliñaron o pleno significado do termo “mestre” aplicado ao profesor José Manuel Sobrino Heredia e a súa contribución decisiva ao estudo e desenvolvemento do Dereito internacional e do sistema multilateral como marco de convivencia entre os Estados.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES