Notas de prensa

A UDC crea o Departamento de Medicina, que estará composto por 10 áreas de coñecemento

O Consello de Goberno da UDC vén de aprobar a creación do Departamento de Medicina, que estará composto por 10 áreas de coñecemento: anatomía e embrioloxía humana, cirurxía, farmacoloxía, fisioloxía, historia da ciencia, medicina, medicina preventiva e saúde pública, otorrinolaringoloxía, psiquiatría e radioloxía e medicina física. O texto asinado entre as tres universidades, Sanidade e Educación prevé que a descentralización da docencia estea completada no curso 2028/2029.

Desde a Universidade da Coruña, “seguimos avanzando e dando novos pasos para aplicar o convenio de descentralización de Medicina nas mellores condicións posibles”, explicou o reitor da UDC, Ricardo Cao. Cao lembrou que o calendario dese acordo é moi esixente, razón pola que é necesario traballar en diferentes liñas internas en paralelo aos traballos da comisión de seguimento do convenio.

O texto asinado entre as tres universidades públicas do SUG e as Consellerías de Sanidade e de Educación prevé que a descentralización de toda a docencia de 4º, 5º e 6º de Medicina, a teórica e a práctica, esté completada no curso 2028/2029.

Así, a agrupación nun único departamento de todas as especialidades de coñecemento das ciencias médicas e biomédicas permitirá realizar unha mellor planificación docente do ensino descentralizado de Medicina, crear sinerxías entre as diferentes especialidades que o compoñen e consolidar a súa proxección académica e social.

Co persoal docente e investigador existente na actualidade, o departamento iniciará a súa andadura con 49 membros, cifra que se irá incrementando coas incorporacións que se formalicen no futuro en calquera desas dez áreas.

A UDC conta xa cunha memoria de titulación de Medicina, aprobada pola Xunta de Facultade de Ciencias da Saúde o pasado mes de febreiro, o que amosa o compromiso da Universidade da Coruña con esta área de coñecemento. Deste xeito, a UDC ten preparados todos os pasos previos á verificación da memoria, que presentaría, de ser o caso, se se incumprise algunha das cláusulas establecidas no acordo de descentralización.

Profesorado honorario e premios doutoramento

O Consello de Goberno aprobou o nomeamento de dous profesores eméritos. Trátase do catedrático Ricardo García Mira, da Facultade de Ciencias da Educación, que se xubilará ao rematar este curso académico, e de Luis González García, profesor de Filoloxía, que rematou a súa actividade académica o pasado mes de febreiro.

Na sesión de hoxe foi aprobada tamén a convocatoria de Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso académico 2024/25. Poderán participar nestes premios as persoas doutoras que defenderan a súa tese de doutoramento entre o 01/09/2024 e o 31/07/2025 e que obtiveran a cualificación de “sobresaliente” e se lle outorgara a mención de Cum Laude.

Novo Consello de Goberno en abril

A de hoxe foi a última sesión ordinaria do órgano coa actual constitución. O próximo 15 de abril formarase o novo Consello de Goberno, adaptado á LOSU e aos novos Estatutos da UDC, unha vez designada a representación tras as últimas eleccións en centros e ao Claustro. Por tal motivo, o reitor tivo palabras de agradecemento a todas as persoas que formaron parte deste órgano de goberno, pola súa participación e implicación nas diferentes sesións e tomas de decisións.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES