Notas de prensa

Socios de España, Portugal, Francia e Irlanda buscan no proxecto AWESDI impulsar o aproveitamento sostible da enerxía das ondas do mar

O campus de Ourense acolle desde este mércores a xornada de lanzamento do proxecto AWESDI, Atlantic Wave Energy Sustainable Deployment Initiative, unha iniciativa transnacional coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo que busca impulsar o despregamento sostible de sistemas de enerxía undimotriz na área atlántica, concretamente nas costas de España, Portugal, Francia e Irlanda.

A iniciativa aposta por atopar solucións neste eido “non só tecnicamente viables, senón tamén comercialmente factibles, socialmente inclusivas e respectuosas co medio ambiente”.

Cun orzamento total de 2,45 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Atlantic Area, AWESDI está liderado desde o campus de Ourense polo grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory) e desenvolverase entre 2026 e 2028 coa participación de 12 socios do arco atlántico europeo, incluíndo universidades, institutos de investigación, axencias públicas, agrupacións industriais e pemes innovadoras. Concretamente, o consorcio reúne a entidades como a Université Le Havre Normandie (Francia), a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (Portugal), a agrupación industrial Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia), o Marine Institute (Irlanda), a Atlantic Technological University-Killybegs Marine Clúster (Irlanda), a empresa tecnolóxica GEPS Techno (Francia), EW Portugal-Wave Energy Solutions (Portugal), a o Instituto Enerxético de Galicia-Inega (España), a Fundación para a Pesca e o Marisqueo-Fundamar (España), o Bretagne Développement Innovation (Francia) e o centro de investigación MaREI-University College Cork (Irlanda).

Na xornada en Ourense, que se celebra no Campus Auga, os socios de AWESDI abordan a folla de ruta de cada paquete de traballo para os próximos meses, os obxectivos científicos e tecnolóxicos, os sistemas de xestión e seguimento, así como as accións de comunicación e transferencia de resultados. “Este encontro marca o punto de partida dunha colaboración internacional clave para impulsar solucións innovadoras no campo das enerxías renovables mariñas, reforzando o papel da cooperación europea e atlántica na transición cara a un modelo enerxético máis sostible”, sinalan desde a organización do proxecto.

Impulsar solucións innovadoras

Sobre a importancia do proxecto, desde AWESDI lembran que o gran potencial da enerxía xerada polas ondas en Galicia e en toda a rexión do Atlántico enfróntanse a barreiras comúns para o seu desenvolvemento, como marcos regulatorios fragmentados, limitacións de infraestrutura e dificultades para a súa aceptación pública. Porén, apuntan, a enerxía das ondas ofrece unha densidade de potencia maior que a eólica e solar mariña, o que permite xerar máis enerxía ocupando menos espazo, e presenta menor variabilidade e maior predictibilidade, polo que pode complementar estas fontes, contribuíndo a unha rede eléctrica máis estable.

O investigador principal do proxecto, o investigador do grupo EphysLab Moncho Gómez Gesteira, apunta que “a enerxía undimotriz atópase hoxe nun nivel de desenvolvemento tecnolóxico intermedio, é dicir, con dispositivos probados en contornas relevantes pero aínda lonxe da súa plena comercialización”. Neste marco de traballo, entre os principais obxectivos de AWESDI está impulsar este tipo de enerxía na rexión do Atlántico norte mediante un enfoque integral e coordinado, combinando investigación, innovación tecnolóxica e desenvolvemento sostible. Para iso, o proxecto establecerá un marco estratéxico dos actores máis relevantes que permitirá compilar, organizar e intercambiar o coñecemento necesario para a súa implementación de maneira harmonizada, aproveitando as capacidades, infraestruturas e experiencia existentes na rexión. Ademais, porase un marcha un sistema de coñecemento aberto sobre enerxía undimotriz, que reunirá datos científicos, técnicos e regulatorios e desenvolverá unha metodoloxía de avaliación holística capaz de identificar os lugares máis prometedores para a instalación de sistemas de enerxía das ondas, avaliando de maneira integrada os seus impactos socioeconómicos e ambientais. A iniciativa tamén implementará proxectos piloto en colaboración con pemes innovadoras, tanto en alta mar como na costa, deseñados para demostrar a viabilidade de novas tecnoloxías e solucións adaptadas ás necesidades das comunidades costeiras.

AWESDI fomentará igualmente a transferencia de tecnoloxía e coñecementos, a concienciación pública e o desenvolvemento de capacidades, garantindo a adopción efectiva das estratexias desenvolvidas. Como resultado final, o proxecto elaborará unha folla de ruta conxunta para o despregamento sostible da enerxía undimotriz no Atlántico europeo, incluíndo recomendacións técnicas, regulatorias e socioeconómicas, así como estratexias específicas de explotación segundo tecnoloxía e localización. “Todo iso permitirá acelerar a creación dun mercado cohesionado, escalable e innovador de enerxía undimotriz, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e a unha transición enerxética xusta na rexión do Atlántico norte”, segundo sinalan desde a iniciativa.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES