
Como todos os anos, e xa van 4, asiste formando parte da delegación do ecosistema galego de innovación, coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), na que participan tamén centros tecnolóxicos, clústers empresariais e fundacións hospitalarias. Esta presenza conxunta permite proxectar fóra de Galicia o potencial do sistema galego de I+D+i nun evento de referencia a nivel europeo.
A participación da UVigo estivo coordinada pola Oficina de I+D, que acudiu co obxectivo de dar visibilidade ao traballo que se fai na universidade en transferencia de coñecemento: amosar capacidades dos centros e grupos de investigación das diferentes áreas de coñecemento, poñer en valor os resultados de investigación, amosar a súa carteira de patentes e tecnoloxías, buscar socios para novos proxectos de valorización e maduración e reforzar a conexión co tecido socioeconómico en xeral.
çNovas oportunidades para as spin-offs
Ademais, este ano a UVigo estivo acompañada por dúas das súas spin-off máis recentes: NSilica e Serenia Solutions, que presentaron os seus produtos e aproveitaron a ocasión para ampliar a súa rede de contactos e explorar novas oportunidades de colaboración con empresas e fondos de investimento.
NSilica, promovida desde o Cintecx, busca levar a biomecánica de precisión do laboratorio a unha contorna real: clínica, deporte e adestramento, grazas ao desenvolvemento dun sistema de sensores e wearables para a análise biomecánica que transforman os datos en información útil para o profesional, apoiándose na Intelixencia Artificial. Pola súa banda, Serenia Solutions, xurdida dun proxecto da convocatoria Ignicia e promovida por investigadores de atlanTTic, desenvolve solucións baseadas en IA para o benestar das persoas maiores. O seu produto principal é un asistente conversacional orientado á comunidade senior que combina acompañamento, entretemento e funcións de coidado da saúde cognitiva e emocional a través da conversa.
Conexión directa entre ciencia, industria e investimento
Science for Industry (S4i) é un foro internacional que durante dous días -onte mércores e hoxe xoves no espazo La Nave- conecta ciencia, industria e investimento, reunindo nun mesmo lugar a centos de profesionais do ámbito científico, empresarial e financeiro.
Organizado pola Universidad Autónoma de Madrid xunto con BeAble Capital, S4i nace co obxectivo de achegar ao mercado tecnoloxías baseadas en Deep Science, é dicir, resultados de investigación con alto potencial de impacto industrial. Durante dous días, o evento serviu como escaparate de proxectos, ideas e solucións innovadoras listas para dar o salto fóra do laboratorio.
Nesta edición participaron máis de 3000 asistentes de arredor de 30 países, entre eles universidades, centros de investigación, startups, grandes empresas e fondos de investimento.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.