Notas de prensa

A UVigo participa nun proxecto que emprega a IA para protexer os ecosistemas do Mar Menor e as rías galegas

O uso da IA está a abrirse camiño en case todos os eidos do coñecemento, incluíndo tamén a xestión dos ecosistemas e das contornas naturais. Un bo exemplo é o proxecto estatal BlueAI, que acaba de poñerse en marcha e no que participa a UVigo en colaboración con outras entidades como a Universidade de Murcia, o Centro Oceanográfico de Murcia, a Universitat Politècnica de València e a Universidade de Salamanca.

BlueAI explora o uso da intelixencia artificial (IA) para a monitorización, análise e mellora do estado ambiental dos ecosistemas mariños costeiros, centrándose en dous casos de estudo: o Mar Menor e as rías galegas. Estas rexións enfróntanse a crecentes presións antropoxénicas e a fenómenos naturais que ameazan a súa sostibilidade a longo prazo.

A participación viguesa en BlueAI está liderada polas investigadoras Bea Mouriño, do grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM), e Marta Sestelo, do grupo SiDOR e do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). No equipo investigador participan tamén Emilio Fernández, Eva Teira, Emilio Marañón, Daniel Fernández (GOB do CIM), Carlos Souto Torres (Física Aplicada), Nora Villanueva (SiDOR e CITMAga) e Esperanza Broullón (Southamptom Oceanographic Center, Reino Unido).

O consorcio conta cun financiamento total de 1,6 millóns de euros do Ministerio de Ciencia na convocatoria de IA, dos cales 375.000 euros están destinados á UVigo. Nesta convocatoria estatal concedéronse 69 proxectos que abranguen dende a investigación básica ata aplicacións tecnolóxicas avanzadas, cunha duración prevista de tres a catro anos e con equipos altamente especializados. A iniciativa, que está en liña coa Estrategia Nacional de Inteligencia Artificial, busca fortalecer a masa crítica de talento investigador en España e promover solucións a retos científicos, sociais e económicos mediante tecnoloxías de IA de vangarda.

Anticipar riscos ambientais e a apoiar a toma de decisións

No marco desta investigación, o subproxecto BlueAI-UVigo céntrase nas rías galegas, unha área estratéxica para a economía azul europea, caracterizada por unha elevada produtividade biolóxica e pola súa relevancia para os sectores pesqueiro e acuícola. A pesar da súa importancia, existe un coñecemento limitado sobre os factores que impulsan a variabilidade da produción primaria e a aparición de fenómenos como as floracións de algas nocivas, que afectan á calidade da auga e ao funcionamento dos ecosistemas.

Para abordar este reto, o subproxecto propón unha estratexia multidisciplinar que integra a análise de datos históricos e observacionais co uso de modelos numéricos avanzados, tanto físicos como bioxeoquímicos. Así mesmo, contempla o desenvolvemento de modelos preditivos baseados en intelixencia artificial orientados a anticipar riscos ambientais e a apoiar a toma de decisións na xestión de ecosistemas costeiros.

Segundo explica a investigadora do CIM Bea Mouriño, “este subproxecto contribuirá de maneira significativa aos obxectivos globais do BlueAI, proporcionando ferramentas avanzadas de observación e predición que reforcen a resiliencia e a sostibilidade dos ecosistemas mariños das rías galegas, servindo como modelo transferible a outras áreas costeiras vulnerables do Mediterráneo e do Atlántico”.

Impacto científico e técnico na economía azul

Dende o punto de vista científico, o subproxecto aborda áreas de coñecemento sobre os procesos físicos e bioxeoquímicos que sustentan a elevada produtividade das rías galegas, analizando en profundidade o papel dos forzamentos hidrodinámicos. Estes avances permitirán alimentar o desenvolvemento de modelos baseados en datos e contribuirán ao deseño de xemelgos dixitais destes ecosistemas.

Desde unha perspectiva técnica, BlueAI-UVigo achegará á caixa de ferramentas do proxecto conxuntos de datos de alta resolución e escenarios preditivos relacionados coas proliferacións de algas nocivas, favorecendo a creación de sistemas de alerta temperá reforzados mediante intelixencia artificial. Estas ferramentas permitirán anticipar e mitigar os impactos ecolóxicos e económicos destes eventos, tanto en Galicia como noutras rexións con características costeiras semellantes.

“A nivel internacional, os coñecementos xerados serán transferibles a outros sistemas costeiros e contribuirán ao debate científico global sobre a evolución dos ecosistemas de afloramento costeiro. O proxecto tamén reforza a integración con iniciativas europeas como o Xemelgo Dixital do Océano (DTO), as redes europeas de observación oceánica e as plataformas de IA baixo demanda”, detalla a investigadora do CITMAga Marta Sestelo.

Colaboración nacional para retos complexos

A cooperación entre diferentes institucións nacionais, recalca Beatriz Mouriño, “permite unir coñecementos expertos en intelixencia artificial, oceanografía, ecoloxía mariña e tecnoloxías avanzadas, fortalecendo a innovación e a investigación no ámbito da economía azul”. Para a investigadora este “enfoque interdisciplinar e a colaboración entre universidades e centros de investigación españois son clave para desenvolver solucións innovadoras que protexan os nosos ecosistemas costeiros e apoien a economía azul de maneira sostible”.

Ademais, no marco do proxecto, ofértase unha oportunidade de emprego, un contrato predoutoral financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades a través da convocatoria Proyectos en el Ámbito de la Inteligencia Artificial 2025 cunha duración de 3,5 anos.

O contrato está destinado a desenvolver unha tese de doutoramento centrada en comprender a influencia da hidrodinámica na formación de proliferacións de fitoplancto tóxico nas Rías Baixas galegas.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES