Notas de prensa

A ciberseguridade centrará a vindeira edición de Galiciencia, a maior feira científica de Galicia

Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, está promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Diríxese ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato; co fin de favorecer o talento innovador e emprendedor entre a mocidade. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

Acaba de abrirse o prazo para que os centros educativos se inscriban e os equipos presenten os seus proxectos; poderán facelo ata o 16 de marzo a través da web www.galiciencia.com.

Galiciencia terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio. Esta edición versará sobre a “Ciberseguridade”, en liña co futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en Tecnópole. Trátase dun tema moi sensible que afecta non só ás empresas, senón ao conxunto da cidadanía, posto que, co avance das novas tecnoloxías, estamos cada vez máis expostos a ataques maliciosos a través dos nosos dispositivos.

Seleccionaranse 50 proxectos para asistir á feira e tamén se pode participar en liña

Cada centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP pode presentar ata dous proxectos, dos que se seleccionarán un total de 50 para asistir á feira e que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. Tamén se pode participar de maneira online e, neste caso, non hai límite de proxectos.

O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para participar en Exporecerca, a maior feira científica a nivel estatal, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, o certame de ciencia que ten lugar en Bilbao. O equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.

Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática “Ciberseguridade”, así como o mellor proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.

Como en cada edición, ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.

Para visitar a feira

Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo tamén ata o 16 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 50 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.

Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. O Parque está especialmente comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica.

Galiciencia, 2026-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES