
O proxecto AVATARES ten como obxecto avaliar o uso de sistemas de telepresenza, en particular avatares robóticos, nos centros educativos co fin de reforzar o sentimento de pertenza, evitar o illamento social e manter o vínculo escolar do alumnado con enfermidades crónicas ou con ausencias prolongadas. Este proxecto pioneiro parte do traballo previo de TECNOEDUC, que desenvolveu unha metodoloxía pedagóxica para a integración dos avatares como recurso para a inclusión do alumnado durante os períodos de ausencia escolar, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.
No marco do convenio asinado, profesionais do CIEDIX colaborarán no desenvolvemento do estudo piloto facilitando a súa implementación nos centros educativos e incorporándose ao equipo de investigación que leve a cabo a pilotaxe.
Colaboración con No Isolation
A experiencia piloto consistirá no uso de sistemas de tele-presenza por parte de alumnado de educación primaria hospitalizado no CHUS e incorporado á súa Aula Hospitalaria. Estes sistemas implantaranse nas aulas ordinarias do alumnado participante, permitindo a asistencia remota ás actividades lectivas mediante un dispositivo electrónico. A conexión establecerase en modo bidireccional, de forma que so se emitirá sinal de audio desde a aula hospitalaria, e o alumno ou alumna poderá visualizar e comunicarse por audio co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras de aula.
O desenvolvemento do proxecto conta ademais coa colaboración da empresa tecnolóxica de base universitaria No Isolation, desenvolvedora dos sistemas de telepresenza AV1 que se empregarán durante o estudo piloto. TECNOEDUC subscribiu coa compañía un acordo especifico de colaboración para a investigación, que permite combinar o coñecemento científico xerado na universidade cunha tecnoloxía deseñada especificamente para reducir o illamento social do alumnado.
Investigación aplicada e transferencia de coñecemento ao sistema educativo
AVATARES constitúe unha iniciativa estratéxica de transferencia de coñecemento ao sistema educativo e foi impulsado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, no marco do Programa de Estímulos Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. O proxecto de transferencia obtido por TECNOEDUC no programa permitiu estruturar a metodoloxía AVATARES como unha proposta madura, transferible e aliñada coas necesidades reais do sistema educativo.
A iniciativa permitirá non só aplicar a metodoloxía AVATARES en contextos reais, senón tamén recoller evidencias científicas sólidas sobre o seu impacto no benestar emocional do alumnado, a súa integración social e a súa aceptación por parte do profesorado e da comunidade educativa, explica a profesora da USC Carmen Fernández Morante, responsable do proxecto.
Un proxecto con proxección estatal
Á pilotaxe que se desenvolverá en Galicia súmanse outros acordos impulsados por TECNOEDUC en distintas comunidades autónomas, como a Comunitat Valenciana, e outras que xa manifestaron o seu interese na pilotaxe, como Estremadura, Madrid e Canarias.
Esta expansión reforza o carácter pioneiro do proxecto AVATARES como unha proposta innovadora e baseada en evidencia científica, chamada a converterse nunha referencia para as políticas de inclusión educativa, e sitúa a TECNOEDUC e á USC como axentes clave na transferencia de coñecemento ao servizo do sistema educativo.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.