Notas de prensa

Os aspectos emocionais e terapéuticos da resolución de conflitos centran a conmemoración do Día Europeo da Mediación

A UVigo conmemora o Día Europeo da Mediación, que se celebra cunha xornada dirixida a afondar nos principios e ferramentas deste proceso. Trátase dun evento virtual, promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora, a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Conferencia Universitaria Internacional para el Estudio de la Mediación y el Conflicto.

O seu programa abrangue unha serie de relatorios que afondarán en aspectos como o papel da mediación nas administracións públicas, a importancia dos estados psicoemocionais nos procesos de resolución de conflitos ou a inclusión de acordos terapéuticos nos procesos de mediación.

“Este ano abordaranse temas moi importantes para a convivencia e o benestar das persoas a través da interiorización dos principios e ferramentas” da mediación, sinala a catedrática Francisca Fariña, coordinadora dunha xornada para toda a cidadanía. Sen necesidade de inscrición previa, a actividade estará aberta a un máximo de 150 persoas, que poderán solicitar un certificado de asistencia.

A xornada dará comezo ás 16.30 horas e contará con especialistas “altamente recoñecidos” no ámbito da mediación, que permitirán ademais promover o intercambio de coñecemento con expertos e expertas de América Latina. Nomeadamente, esta edición contará coa participación de tres conferenciantes de México, país que conta desde 2024 cunha Lei Xeral de Mecanismos Alternativos de Solución de Controversias, “na que inclúen os procesos de xustiza terapéutica e xustiza restaurativa”, lembra Fariña.

Da mediación nas organizacións aos acordos terapéuticos

Esta xornada virtual abrirase cun relatorio da presidenta honorífica da Cuemyc, Leticia García Villaluenga, profesora da Universidad Complutense de Madrid. Nunha conferencia titulada La mediación en el seno de las administraciones públicas, de la teoría a la práctica a través de la investigación, presentará os resultados “dun proxecto de investigación centrado na formación sobre a mediación e convivencia”, levado a cabo con persoal da Administración Xeral do Estado e que amosa “a importancia deste tipo de formación para as organizacións e as persoas que traballan nelas”, salienta Fariña.

A continuación, a conferencia La neuromediación desde una perspectiva de la salud mental para la paz reunirá o presidente da Asociación Mexicana de Psicología y Salud Mental, Blass S. Jasso, e a presidenta do Colegio Estatal de Psicólogos en Intervención de Jalisco, Delia Pérez Guerrero. Ambos afondarán na necesidade ter en conta os “estados psicoemocionais” das partes implicadas nos procesos de resolución de conflitos. “A neurociencia, en xeral, e a neuropsicoloxía, en particular, desempeñan un papel moi importante na interacción de persoas, especialmente cando se atopan en estados psicoemocionais negativos”, como enfado, rabia ou desesperación, lembra Fariña, que apunta que estas cuestións “resultan de especial relevancia” nos procesos de mediación nos que as partes “atópanse enfrontadas”, como podería ser nunha ruptura de parella. Non obstante, “non todas as escolas de mediación prestan atención aos procesos psicoemocionais”, engade a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor, que salienta a importancia de “pór o foco neste tipo de procesos na formación das persoas mediadoras”.

A xornada contará tamén coa intervención do maxistrado Luis Osuna, vicepresidente da Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica (AIJT) e presidente da Asociación Mexicana de Justicia Terapéutica, quen afondará nos procesos de mediación “con orientación de xustiza terapéutica”. Esta “ten en conta a busca do benestar emocional das persoas que participan no proceso, así como os estados psicoemocionais que facilitan a colaboración e minimizan o enfrontamento”, engade a coordinadora desta xornada, quen recalca que a mediación non é unha terapia, mais si pode resultar “terapéutica e pacificadora” para as partes implicadas. Nomeadamente, Osuna centrará a súa intervención nos “convenios terapéuticos de intervención”, acordos nos que as persoas comprométanse a someterse a tratamentos ou programas terapéuticos, a solicitude do xuíz ou tribunal ou dunha das partes do proceso. Estes, lembra, requiren do acordo coa persoa que debe realizalos, de tal xeito que a mediación permite aumentar o seu compromiso “e a adherencia aos tratamentos, xa sexan programas reeducativos ou de saúde mental”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-01-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES