Notas de prensa

Do robot cuadrúpede aos algoritmos verdes: o CITIC da UDC premia a innovación da nova xeración tecnolóxica galega

Os traballos premiados abranguen diversos temas dentro da enxeñaría informática e das tecnoloxías emerxentes, incluíndo investigacións en ciberseguridade, co desenvolvemento de ferramentas para analizar vulnerabilidades en Internet das Cousas, e en realidade virtual aplicada á inclusión, mediante contornos inmersivos que axudan a persoas con lesións medulares a adaptarse ao uso da cadeira de rodas ou a visualizar reformas de vivendas.

O CITIC da Universidade da Coruña recoñeceu este venres os mellores proxectos de mozos e mozas investigadores na entrega de premios do Congreso XoveTIC 2025, co que se puxo fin á VIII edición do evento celebrado estes dous últimos días na Coruña, co apoio da Xunta de Galicia.

Os traballos premiados nesta edición abranguen unha ampla variedade de temas dentro da enxeñaría informática e das tecnoloxías emerxentes, incluíndo investigacións en ciberseguridade, co desenvolvemento de ferramentas para analizar vulnerabilidades en comunicacións IoT (Internet das Cousas), e en realidade virtual aplicada á inclusión, mediante contornos inmersivos que axudan a persoas con lesións medulares a adaptarse ao uso da cadeira de rodas ou a visualizar reformas de vivendas orientadas á accesibilidade.

Outros dos proxectos premiados abordan o impacto ético, xurídico e ambiental da intelixencia artificial, promovendo reflexións sobre algoritmos sustentables, así como o control de robots cuadrúpedes mediante interfaces inmersivas para operar en situacións de emerxencia. Tamén se destacaron liñas de traballo en aprendizaxe automática cuántica aplicada ao ámbito financeiro e no estudo de métodos de clasificación de datos complexos, combinando técnicas cuánticas e tradicionais, mesmo cando existen clases de datos moi desiguais, é dicir, cando algúns tipos de información son moito máis frecuentes ca outros.

O subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, acompañado de representantes das cátedras universitarias e entidades colaboradoras que patrocinan os galardóns, presidiu a entrega dos nove premios aos mellores traballos.

Premiados XoveTIC 2025

- Cátedra R – “Ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida esta en sentido amplo, tanto ciberseguridade en tecnoloxías da información e das comunicacións como temáticas de seguridade aplicada a outros ámbitos”:

Daniel Feito Pin e José Losada por “Developing an Open Source Tool for Man-in-the-Middle (MitM) Attacks on the MQTT Protocol”.

- Cátedra NTT Data – “Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade”:

Diego Cordero Contreras, Rubén Grande, Vanesa Herrera, Mario Jiménez e Javier Albusac por “VR-ADAPT: A Virtual Reality Environment for Skill Development in New Wheelchair Users with Spinal Cord Injuries”.

- ICACOR (Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña) – “Ao máis relevante no ámbito ético-xurídico”:

Vera Iglesias Losada por “Algoritmos verdes: impacto ambiental, marco xurídico e ético na intelixencia artificial”.

- Cátedra ALDABA – WIB (Women, ICT & Business) – “Ao traballo máis relevante liderado por unha muller como primeira autora”:

Anabel Díaz-Labrador, con Ángel Delgado, Héctor J. Pérez-Iglesias, Óscar Fontenla-Romero e José Luis Calvo-Rolle, por “Quadruped robot control using immersive interfaces in emergency contexts”.

- ITG – ARQA – “Ao traballo máis relevante en tecnoloxía cuántica”:

Fernando Alonso e Álvaro Leitao Rodríguez por “Quantum Machine Learning for Financial Applications”.

- CPEIG – “Ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado/a en Enxeñaría Informática”:

Xoel Penas, Javier Taibo, José A. Iglesias-Guitián e Emilio J. Padrón por “Immersive Visualization of Home Renovations for Accessibility Using Virtual Reality”.

- Clúster TIC Galicia – “Ao mellor póster”:

Paula de Santos Dorrego, Jorge Rivadulla Brey, Javier Andrade-Garda e Víctor Carneiro-Díaz, por “HATHOR – Accessible Automation and Interaction in a Hydroponic Garden for People with Disabilities”.

- Clúster TIC Galicia – “Á mellor comunicación oral”:

María Bugallo Porto e Domingo Morales González por “Methodological Advances in Robust Small Area Estimation”.

- Fundación CITIC de Galicia – “Ao máis relevante en investigación básica ou teórica”:

Fernando Mondragón Sampedro e Diego Álvarez Estévez por “Quantum and classical kernels applied to classification of unbalanced datasets”.

Innovación con impacto

Tras a entrega de premios, tivo lugar o acto de clausura do VIII Congreso XoveTIC, presidido por José Anta Álvarez, Adxunto de Transferencia da UDC, acompañado por Juan Ignacio Borrego Vázquez, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; Elena Hernández Pereira, vicedecana de Relacións Institucionais da Facultade de Informática da UDC; e Andrés Sastre Portela, director de proxectos do Clúster TIC Galicia.

“É un orgullo para o CITIC recoñecer o talento e a dedicación dos nosos mozos e mozas investigadores, que demostran día a día que a innovación tecnolóxica pode ter un impacto real na sociedade”, afirmou Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC. “Proxectos como os premiados hoxe, que abranguen desde a ciberseguridade ata a intelixencia artificial aplicada e a realidade virtual inclusiva, reflicten a diversidade de áreas nas que o noso estudantado e doutorandos están a liderar avances significativos”.

Engadiu que “estes galardóns non só premian a excelencia científica, senón tamén o compromiso social de quen está a construír solucións tecnolóxicas responsables e sustentables, capaces de mellorar a vida das persoas e contribuír a un futuro máis inclusivo e seguro”.

Na súa intervención, os representantes institucionais coincidiron tamén en destacar o alto nivel científico e a proxección internacional do congreso, así como o papel clave do CITIC e da UDC como espazo de impulso ao talento novo e á transferencia de coñecemento.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, así como unha área transversal: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

Universidade da Coruña (UDC), 2025-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Este órgano está formado por 12 expertos de recoñecido prestixio, tanto a nivel galego como internacional, nos ámbitos científico, tecnolóxico, empresarial e das políticas públicas. Na actualidade a Comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica e acada numerosos fitos. O obxectivo deste consello asesor é apoiar e asesorar ao Executivo autonómico nas súas políticas públicas de I+D+i para seguir acadando éxitos e posicionando Galicia como un territorio de referencia nesta materia. As persoas que forman parte deste organismo, ademais do conselleiro, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, son cinco no eido da investigación, tres no das políticas públicas e catro no ámbito da innovación, empresa e emprendemento.
Foto de la tercera plana (medio_ambiente.jpg) Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis logrou reducir en 2024 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas en materia de clima. En concreto, a baixada rexistrada neste período foi do 68,5% fronte ao 12,8% no que se sitúa a media nacional. Os últimos datos oficiais dispoñibles volven situar a Galicia á cabeza da clasificación nacional en canto a redución de emisións netas. No período 1990-2024 Galicia logrou reducir en máis de dous terzos as súas emisións netas e tamén é a comunidade española que lidera a baixada de emisións GEI interanual, cun 9,8% menos que en 2023.

Notas

A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
O proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO que lideran a USC e a Universidade de Granada, no marco da colaboración permanente entre os grupos SEPA-interea da Universidade de Santiago e Eva-EASI da Universidade andaluza, organizan esta semana no Campus compostelán o I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática e VI Seminario Internacional RESCLIMA ‘Estamos a tempo? De que estamos a tempo?’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES