
Baixo o título de Castelao, 75 anos despois, estas xornadas abertas á cidadanía arrancan o xoves 16 ás 19.00 horas, na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, cunha conferencia do escritor Manuel Rei Romeu sobre a creación literaria de Castelao. Profesor de Lingua e Literatura Galega, Rei é especialista na obra do escritor e político e autor de diferentes libros sobre a súa figura, como o recemente publicado Castelao, desta terra e deste tempo (2025, Tempo Galiza).
Esta primeira xornada pecharase, ás 20.30 horas, cun concerto de A Pedreira, acompañada por Alejandro Vargas. Esta actuación permitirá coñecer o disco Segmento cantábrico, o primeiro que asina baixo este nome a compositora e intérprete Ugía Pedreira, quen fora integrante de Marful ou de Nordestin@s, e no que combina folk electrónico con poesía e palabra recitada.
Tras abordar a creación literaria de Castelao na primeira xornada, a sesión do venres abrirase, tamén ás 19.00 horas, cunha conferencia centrada na súa produción artística, a cargo do profesor e pintor Paulo Porta, quen desenvolveu diferentes investigacións sobre a creación artística deste persoeiro, na que se insiren estudos como o que centrou nos seu albumes de Guerra, recollidos en obras como 1937, Castelao e Souto en Valencia.
Este relatorio verase sucedido, ás 20.30 horas, pola proxección de As cruces de pedra na Bretaña (O retorno), de Xoán Carlos Garrido. Profesor de filosofía e autor de diferentes estudos sobre Castelao, Garrido participou, como membro da asociación cultural Vagalumes, nun estudo colectivo sobre os cruceiros da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Este serviu á vez como punto de partida dun proxecto de documental que volve sobre os pasos de Castelao, 90 anos despois, para lembrar a súa viaxe a Bretaña para estudar os seus cruceiros. Neste filme, explica, realízase un repaso da situación actual daqueles monumentos que Castelao deixou reflectidos na súa obra As cruces de Pedra na Bretaña.
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas especializada en feltro é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.