Notas de prensa

O Congreso XoveTIC 2025 reúne en A Coruña o talento que deseña o mañá dixital: IA, datos e ciberseguridade

A IA ten voz nova na Coruña. Máis dun cento de investigadores e investigadoras emerxentes reuniranse no CITIC, centro que forma parte da Rede CIGUS, e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, para compartir os avances que marcarán o futuro da tecnoloxía. O VIII Congreso XoveTIC consolídase como un punto de encontro de referencia para o talento universitario e os centros de investigación, onde se presentan proxectos que exploran o aprendizaxe profundo, o machine learning cuántico e as aplicacións éticas e sostibles da IA.

O inicio da xornada contou coa participación de Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; e Manuel G. Penedo, director do CITIC. Ademais, Diego Álvarez Estévez, investigador do CITIC, impartiu unha conferencia plenaria sobre a traxectoria investigadora de excelencia.

As comunicacións orais e pósteres, que se presentarán entre este xoves e o venres no CITIC e na Facultade de Informática da UDC, abarcan unha ampla variedade de temáticas relacionadas coa intelixencia artificial, a ciencia de datos e a computación avanzada. Exponse traballos sobre deep learning e machine learning cuántico aplicados a ámbitos como a medicina, a bioloxía, a astronomía ou as finanzas. Tamén se presentan desenvolvementos en visión por computador, análise de datos xeo-referenciados e avaliación de estratexias en modelos de linguaxe de gran tamaño, reflectindo a diversidade e actualidade das liñas de investigación no ámbito tecnolóxico.

Un bloque importante do programa céntrase na realidade estendida (virtual, aumentada e mixta) e no seu uso en educación médica, rehabilitación, cirurxía ou accesibilidade. Destacan proxectos de simulación inmersiva para a formación de profesionais sanitarios, contornas virtuais para persoas con discapacidade e aplicacións educativas baseadas en gamificación. Así mesmo, varias comunicacións abordan cuestións éticas, ambientais e xurídicas asociadas ao desenvolvemento da intelixencia artificial, introducindo a reflexión sobre os denominados “algoritmos verdes” e a toma de decisións responsables en contextos complexos.

Pola súa parte, os pósteres complementan as sesións orais con estudos aplicados e desenvolvementos experimentais en ámbitos moi diversos: predición de incidencias e toxicidade, detección de anomalías en augas, control gandeiro con RFID, seguridade en comunicacións e blockchain, predición de enerxía fotovoltaica ou adaptación de videoxogos para persoas con discapacidade. En conxunto, as contribucións reflicten unha forte aposta pola interdisciplinariedade, a transferencia tecnolóxica e a aplicación da investigación informática á resolución de problemas reais en saúde, industria, medio ambiente e sociedade.

Premios XoveTIC

Nesta edición concederanse nove premios aos traballos mellor valorados atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade. Os galardóns, patrocinados por diferentes cátedras e entidades colaboradoras, recoñecen as achegas máis destacadas nas súas respectivas áreas.

Entre eles atópanse o Premio Cátedra R, ao máis relevante no ámbito da seguridade, entendida en sentido amplo, tanto en ciberseguridade nas tecnoloxías da información e as comunicacións como en temáticas de seguridade aplicadas a outros ámbitos; o Premio Cátedra Aldaba – WIB (Women, ICT & Business), ao traballo máis relevante liderado como primeira autora por unha muller; o Premio ITG–ARQA, ao traballo máis destacado en tecnoloxía cuántica; o Premio CPEIG, ao mellor traballo con primeiro autor estudante ou titulado en Enxeñaría Informática; os Premios do Clúster TIC, ao mellor póster e á mellor comunicación oral; o Premio Fundación CITIC, ao máis relevante en investigación básica ou teórica; e o Premio Cátedra NTT Data, ao máis destacado no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade.

Unha das novidades desta edición é o Premio do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña – ICACOR, que busca recoñecer as investigacións que integran a perspectiva ética e xurídica no desenvolvemento e aplicación das TIC, un ámbito cada vez máis relevante no debate tecnolóxico e social.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

Universidade da Coruña (UDC), 2025-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas —especializada en feltro— é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES