A edición deste 2025 foi presentada este mércores no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que apoian o Fito, estando Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Jacobo Sutil, director de Agadic (Xunta de Galicia); César Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Fina Calleja, directora do festival, e José Luis Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán.
Nas súas intervencións coincidiron en destacar unha vez máis que este festival é mostra e froito da colaboración entre diferentes institucións e unha cita de referencia no ámbito teatral ourensán e galego. O vicerreitor do campus subliñou que Fito é un tesouro que temos en Ourense e apuntou que a participación da UVigo nesta e noutras citas teatrais forman parte do seu compromiso con esta rama das artes escénicas que, apuntou, fomentan na comunidade universitaria e na cidadanía en xeral a aprendizaxe, a educación, o diálogo e os valores.
A emoción do teatro
Tras 17 anos de traxectoria fértil, o FITO mantén intacta a súa ambición de expansión e influencia, deseñando unha programación que abraza á cidadanía no seu conxunto, explican desde Sarabela Teatro, compañía encargada do certame e tamén das aulas de teatro do campus de Ourense. As actuacións terán lugar os días 16, 18, 19, 22, 23, 24, 25 e 26 e co horizonte posto na diversidade, a inclusión e a accesibilidade a programación abraza unha rica variedade de formatos e estilos: desde a vibrante enerxía do teatro de rúa á intimidade do teatro de sala, pasando pola potencia do teatro de texto, a danza contemporánea e o compromiso do teatro documental e performático. Trátase, sinalou Fina Calleja na presentación do festival, dunha edición de continuidade, que recolle moi ben tanto o momento extraordinario polo que pasa o teatro galego como a emoción que ten que levar sempre o teatro.
As representacións terán lugar no Teatro Principal, no Liceo, no Edificio de Ferro do campus de Ourense e na Agrupación Cultural Auriense. Actuarán as compañías galegas Elefante Elegante, Butaca Zero, Redrum, Priscila, Barrosanta e Mofa e Befa; a madrileña Nacho Vera; a estremeña Guirigai e a arxentina Suttotos. Ademais, neste FITO 2025 o campus acollerá o día 22 unha nova edición da iniciativa 67 Graos. Ourense Fervescénica, que dá visibilidade a diferentes creadores e artistas, neste caso a cinco propostas. Boa parte destas actuación serán estreas.
No horizonte de 2025, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, sinalan desde a súa organización, eríxese novamente como un baluarte da cultura democrática e un catalizador esencial para o intercambio de saberes. Esta edición, engaden, concíbese como unha plataforma dinámica onde converxen múltiples xéneros, experiencias vitais e formas de expresión artística, tecendo pontes de comunicación tanto co seu público fiel, que ano tras ano agarda esta cita, como con aqueles que aínda non descubriron o seu atractivo singular.
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas especializada en feltro é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.