Notas de prensa

O proxecto da UVigo Airis afonda na dixitalización do mantemento das vías de ferrocarril de alta velocidade

O grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da Universidade de Vigo e a empresa Copasa están a levar a cabo o proxecto estatal Airis. Nel traballan no desenvolvemento de sistemas para a dixitalización da información do mantemento das vías de ferrocarril de alta velocidade. Trátase de, aplicando as últimas tecnoloxías, dixitalizar e automatizar a inspección destas vías e contribuír así a mellorar tanto a súa rendibilidade como a súa seguridade.

No marco da súa actividade, este martes o campus acolleu a celebración dunha mesa redonda sobre presente e futuro da dixitalización no mantemento ferroviario.

A xornada de difusión foi presentada por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, e moderada por Santiago García, xerente da Área Territorial Norte-Renfe. Contou coas intervencións de Héctor Arguelles, técnico de enxeñaría de produción de ancho métrico (base de mantemento O Berrón) de Renfe; Juan Manuel Silva, técnico de enxeñaría de produción de alta velocidade (base de mantemento de Redondela) de Renfe; Luis Manuel Díaz, responsable de maquinaria de mantemento ferroviario, de Copasa; e Eduardo Ríos, investigador do grupo Aerolab.

O proxecto Airis (Adaptative and intelligent railway inspection system) está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da Universidade de Vigo o citado grupo Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae). Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. O socio do proxecto, Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.

Prototipo listo para validación

Un dos desafíos cruciais do sector ferroviario, lembran desde o proxecto, é mellorar a rendibilidade dos ferrocarrís de alta velocidade, xa que as súas vías presentan maiores requisitos técnicos que as convencionais, o que incrementa os custos de construción, inspección e mantemento, sendo estes tres veces superiores aos da rede ferroviaria convencional. Este feito, detallan, remata afectando ao custo para o usuario final e, polo tanto, á taxa de utilización. Neste contexto, Airis quere contribuír ao “necesario cambio no transporte ferroviario” mediante o desenvolvemento de novas solucións e métodos para reducir os custos das tarefas de inspección e mantemento mediante a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial, a dixitalización e as técnicas de mantemento preditivo.

O proxecto céntrase en desenvolver tanto sistemas de inspección de vías como algoritmos de procesamento de datos “sen precedentes no mercado” e que permitan realizar estas inspeccións de maneira automática, reducindo a dependencia do factor humano e aumentando a frecuencia de recolección de datos. Concretamente, o equipo de Airis busca desenvolver para o ano 2026 un sistema centralizado de inspección que reciba información, a través dunha rede inalámbrica 5G, de sistemas ópticos instalados en dresinas das vías férreas. “Esta ferramenta permitirá detectar diversas deficiencias de mantemento, como gretas en distintos tipos de travesas, ausencia de parafusos ou clips de fixación, cambios indesexados na xeometría do balastro ou a presenza de elementos como area en seccións de vía en placa”, afirman. O sistema de inspección será deseñado para instalarse nunha soa dresina pero podendo escalarse a un número maior, que traballarían de forma sincronizada cun sistema de alarma central. Entre as características de Airis, comentan os seus responsables, están que ten en conta a variabilidade dos diferentes elementos da vía, o que posibilita un mantemento predictivo eficiente.

“Neste proxecto estamos a desenvolver un sistema de inspección baseado en cámaras dixitais e sistemas Lidar para detectar diversas patoloxías no mantemento de vías ferroviarias, como son a deformación ou movemento do balastro ou dos parafusos de suxeición do carril e tamén gretas nas travesas”, resume Higinio González. O investigador sinala que cando falta un ano e medio para a finalización de Airis teñen xa desenvolvido un prototipo que no que resta de proxecto se someterá a un proceso de validación, primeiro en vías de ferrocarril de Galicia e logo na vía de A Meca-Medina de Arabia Saudí, onde Copasa é a empresa que leva a conservación desta infraestrutura.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES