Notas de prensa

A UVigo lanza unha nova convocatoria de títulos propios para a capacitación dixital no eido do transporte, loxística e mobilidade

A oferta de formación do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo amplíase cunha nova convocatoria de títulos propios de capacitación dixital no sector do transporte, mobilidade e loxística, con acceso gratuíto para toda a cidadanía. Con inscricións xa abertas, ao longo deste curso impartiranse cinco os títulos, totalmente de balde.

Sen necesidade da ABAU ou de formación universitaria previa, estas formacións, impartidas en castelán, están abertas a toda a cidadanía europea ou con permiso de residencia no territorio español e xa son máis de 200 persoas de dentro e fóra de Galicia as que pasaron polas aulas no curso académico 2023/2024. Cunha duración de 15 créditos ECTS, os cursos comezan o 14 de outubro e as clases repartiranse ao longo de 4 ou 5 meses en horario de tarde varios días á semana.

A formación está enfocada ao sector do transporte e a loxística pero é aplicable a calquera ámbito, polo que os perfís que acceden son moi variados, dende persoas traballadoras ata estudantado, pasando por demandantes de emprego, con ou sen experiencia, procedentes de diferentes ámbitos como humanidades, ciencias sociais, científico-técnico...

Comezan en outubro, en Vigo e Ourense e tamén a distancia

Os cursos impartiranse en Vigo, na Facultade de Comercio en modalidade semipresencial, e en Ourense, na Escola Superior de Enxeñaría Informática, neste último caso coa opción de cursalos tamén de forma 100% virtual en modalidade síncrona, o que abre estes programas a calquera persoa independentemente da súa situación xeográfica. As competencias dixitais eríxense así coma un elemento fundamental para conseguir que a sociedade e as empresas españolas afronten os retos e aproveiten as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

Campus de Ourense

A Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle catro das cinco accións formativas, que se poden cursar presencial ou virtualmente. A primeira delas é o curso de Transformación áxil das organizacións, que ensinará ás persoas asistentes a aplicar unha ampla gama de coñecementos e habilidades relacionadas coas metodoloxías e enfoques de xestión Agile, Scrum, Kanban e Lean no ámbito profesional, para mellorar a calidade do proceso e ter un mellor control do mesmo, tendo máis capacidade de predición, control de tempos e redución de custos.

Outra alternativa é o curso Infraestrutura de datos aplicados ao sector do transporte, que axudará o alumnado a mellorar a súa experiencia profesional no ámbito do Big Data e, en concreto, no referido a analítica de datos e xestión da información a grande escala. Ademais, adquirirán coñecementos avanzados en analítica de datos e Business Intelligence aplicados ao Big Data, o cal lles permitirá mellorar as súas capacidades de manexo e análises de grandes volumes de datos, mellorar no análise para a toma de decisións empresariais fundamentais, identificar patróns e tendencias no ámbito empresarial así coma extraer información dos datos da empresa para mellorar a eficiencia operativa e axudar a realizar a toma de decisións estratéxicas futuras.

No curso Dixitalización do sector do transporte e loxística atenderase ás necesidades do sector que requiren dunha transformación dixital sen deixar de lado as cuestións éticas e políticas do proceso. Trataranse solucións como e-transport documents, eCMR, sistemas de etiquetaxe dixital, xestión asistida de almacén, contable e de planificación de rutas, ERPS, tacógrafo dixital, ou o intercambio electrónico de datos EDI.

Finalmente, a oferta no campus de Ourense complétase co curso de Comunicación dixital para a mobilidade, no que as persoas participantes adquirirán a capacidade de entender e aplicar as novas estratexias de comunicación para a creación de novos modelos de negocio e oportunidades. Os avances na dixitalización, como a xeolocalización ou a inmediatez dos novos canais de comunicación permiten crear experiencias de usuario únicas e personalizadas e medir ou rexistrar a actividade de cara a mellorar a interacción co usuario e futuras comunicacións.

Campus de Vigo

A Facultade de Comercio na cidade de Vigo acollerá a acción formativa Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, un curso semipresencial que ofrecerá unha aproximación, dende as ciencias sociais, aos retos que expón a mobilidade do futuro prestando especial atención á cultura emprendedora, aos novos modelos de negocio e á innovación no desenvolvemento de solucións de mercado e novas propostas de márketing.

Preinscricións, ata o día 10 de outubro

Os cursos comezarán o 14 de outubro pero as preinscricións estarán abertas ata o día 10 e toda a información pode atoparse na web do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES