Notas de prensa

Grande éxito de participación na primeira edición do Congreso de Xeopolítica Participativa

Celebrouse en Moaña a primeira edición do Congreso de Xeopolítica Participativa, unha iniciativa impulsada pola UVigo, en colaboración coa USC e o Concello moañés. O obxectivo deste evento, baixo o título 'A xeopolítica e o sector educativo', é dar 'unha visión realista e obxectiva sobre os acontecementos internacionais, xa que existe unha gran desinformación destes acontecementos que son da máxima relevancia actual'.

Así o resume Breixo Martins, investigador da UVigo e coorganizar do simposio xunto coa docente da UVigo Maribel Doval, e o catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Lois.

Os tres, acompañados pola alcaldesa de Moaña, participaron o venres pola tarde na inauguración do congreso que se celebrou na Casa do Concello de Moaña, nun salón de actos ateigado. Martins valora moi positivamente esta acollida, con preto de 100 persoas, "a maioría veciños e veciñas da contorna o que, ao noso entender, é un éxito, xa que este tipo de eventos rara vez son capaces de atraer á veciñanza e realmente abrir a Universidade a cidadanía". O aforo foi case completo en ambas xornadas e un dos aspectos mellor valorados foi o feito de unir nas mesmas seccións poñentes das universidades con outros procedentes do mundo social e educativo. Esta maneira de organizar o simposio "permite que a cidadanía poida debater con ponentes con diferentes experiencias". Tamén espertaron moito interese as ponencias que demostraron o papel pioneiro das mulleres na creación de Europa ou a explicación e debate sobre os casos dos conflictos de Israel-Palestina ou o do Sahara Occidental.

Tras este éxito, o congreso consolida a vocación coa que naceu, converterse nunha cita anual que cada verán congregue investigadores, estudantes e cidadanía interesados nestas temáticas.

Vincular a xeopolítica cos modelos de educación participativa

Nesta primeira edición os organizadores optaron por vincular a xeopolítica cos modelos de educación participativa, porque, como explicaba o catedrático Rubén Lois, “realmente a xeopolítica non é só o que aparece nos medios, os grandes acontecementos, como os de Gaza, senón que tamén é un proceso de aprendizaxe de como teñen que gobernarse os pobos e de como teñen que resolverse os conflitos internacionais”.

O encargado de abrir a primeira xornada do foro foi Rubén Lois, que falou sobre xeopolítica e o sector educativo. Despois da súa intervención tivo lugar un relatorio sobre o proceso de inclusión dos refuxiados ucraínos no sistema educativo e outro sobre a desinformación na política internacional e o papel que ten o eido educativo para facerlle fronte. Entre tanto tamén se presentaron as iniciativas Malas Herbas e Tecendo Futuro, dous proxecto do alumnado do IES Paralaia de Moaña.

Na segunda xornada o programa incluíu debates e ponencias sobre o papel das mulleres na creación de Europa; a xeopolítica de Galicia a través da literatura, a arte e o xénero; o programa CBHE de Erasmus+ como eixe de poder brando; a xeopolítica dalgúns conflitos territoriais que afectan aos galegos, como os casos das Malvinas e do Sáhara; ou o caso do mar do sur de China. Ademais, tamén se abordaron outras temáticas, como o espazo ultraterrestre e as relacións internacionais, o conflito entre Israel e Palestina ou as linguaxes, a política e os paradoxos xeográficos, poñendo o foco na xeopolítica dos extractivismos, o cambio climático e o colonialismo verde. O simposio rematou cunha actividade de sendeirismo e reflexión.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES