Notas de prensa

A UVigo participa nun proxecto europeo que facilita a saída da tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mundo real

Cando, a comezos do século XX, a comunidade científica comezou a desenvolver as ideas que conformarían o que hoxe chamamos mecánica cuántica, non só se estaba a fraguar unha revolución intelectual, senón tamén tecnolóxica. Os descubrimentos que permitiron achegármonos ao comportamento fundamental da materia e a enerxía no universo ofreceron ferramentas para crear materiais, dispositivos e técnicas que cambiaron a face do mundo.

Hoxe en día a comunidade científica continúa a explorar a complexidade da física cuántica coa intención de desenvolver novas tecnoloxías. O campo da fotónica estuda o comportamento dos paquetes fundamentais da luz, os fotóns, na súa interacción entre eles e coa materia. Trabállase para entender e empregar propiedades exóticas, como o entrelazamento cuántico entre fotóns, para aplicacións relacionadas coa comunicación, a criptografía, a caracterización material ou a computación cuántica. Para seguir avanzando, a fotónica precisa da mirada doutras disciplinas e, por iso, é preciso crear novas fontes de fotóns individuais compactas, duradeiras, robustas e enerxeticamente eficientes, co fin de concibir dispositivos que implementen, e avancen, a ciencia máis punteira.

A urxente necesidade de novas fontes cuánticas cunha versatilidade, flexibilidade e rendemento sen precedentes é a principal motivación do proxecto europeo Artemis, Materiais moleculares para fontes de luz cuánticas integradas en chip, financiado a través da convocatoria Pathfinder dentro do programa Horizonte Europa e coordinado polo Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR) de Italia (concretamente polo ISASI, Institute of Applied Sciences and Intelligent Systems), completando o consorcio outros dez socios que representan un total de seis países, entre os que se atopa o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, como único representante español neste consorcio.

Da man dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos

Cun orzamento 3.247.100,00 euros, Artemis botou a andar oficialmente en outubro de 2023, cunha reunión de lanzamento celebrada en Nápoles, e prolongarase durante 48 meses, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo e do CNR de Italia, a Università del Piemonte Orientale Amedeo Avogadro (Italia), o Institute of Physics Belgrade (Serbia), a Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica), o Ministero delle Imprese e del Made (Italia), Università degli Studi di Cagliari (Italia), Université de Namur (Bélxica), École Centrale de Marseille (Francia), e a Universität Bern (Suíza).

Por parte do CINBIO participa neste proxecto persoal investigador dos grupos TeamNanoTech (TNT) e Nanomateriais Híbridos (HNG) para o que contan cun orzamento de 440.750 euros que facilitarán a posta en marcha dos diferentes paquetes de traballo. Participan Verónica Salgueiriño Maceira, líder de HNG, e Miguel Correa Duarte, líder de TNT, xunto con Lucas Vázquez Besteiro, Begoña Puértolas Lacambra e Margarita Vázquez González, persoal de TNT.

Un proxecto “complexo e ambicioso”

O obxectivo principal de Artemis é a investigación fundamental cara ao desenvolvemento de fontes de fotóns individuais e entrelazados integrables, baseadas en compostos moleculares metalorgánicos. Este obxectivo perseguirase recorrendo a materiais moleculares, baseados en metais de transición e/ou ións lantánidos con elementos orgánicos, caracterizados tanto por unha emisión lineal cunha diminución espectral axustable coma por propiedades ópticas non lineais, permitindo a xeración á carta de fotóns individuais e de pares/tripletes de fotóns entrelazados.

Está previsto que os dispositivos e métodos desenvolvidos neste proxecto cheguen a fontes fotónicas cun rendemento competitivo en termos de coherencia, eficiencia, escalabilidade e custo. “Isto conduciría a un avance fundamental no desenvolvemento da tecnoloxía cuántica, facilitando o camiño para a súa saída do laboratorio ao mundo real”, subliña o responsable do proxecto, Miguel Correa.

Dentro do traballo formulado ao abeiro deste proxecto, as científicas e científicos dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos ocúpanse do desenvolvemento de plataformas plasmónicas destinadas á mellora da eficiencia das fontes moleculares de luz, así coma a súa caracterización experimental e teórica. “As partículas plasmónicas”, explica Lucas Vázquez, “funcionan coma antenas, concentrando a enerxía da luz na nanoescala para excitar aos emisores con ións lantánidos”.

Tanto desde o grupo liderado por Correa como por Salgueiriño aseguran estar entusiasmados de poder contribuír ao desenvolvemento dun proxecto “complexo e ambicioso” que achega ciencia básica punteira a tecnoloxías emerxentes. “Traballar con este consorcio está a facilitar a expansión das aplicacións dos sistemas nanofotónicos que desenvolvemos nos nosos grupos e, ademais, para nós é un orgullo representar á UVigo e ao CINBIO dentro do consorcio e de cara á Comisión Europea”, indica Correa.

Presentación nun dos seminarios do CINBIO

Artemis protagonizou este martes un dos seminarios científicos do CINBIO, un ciclo de conferencias e presentacións nas que se convida a investigadores, tanto do propio centro como de fóra del, a que presenten os seus proxectos e avances, unha aposta polo intercambio de coñecementos e pola procura de sinerxías entre distintos grupos e institucións.

Na sesión deste martes presentáronse os proxectoa Artemis e In-Armor, no que tamén comparten tarefas o persoal investigador dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos. Trátase, no caso de In-Armor, de buscar unha nova clase de indutores do sistema inmunolóxico capaces de mellorar os mecanismos de defensa microbiana innatos do corpo humano para combater a resistencia antimicrobiana e reducir a incidencia das 13 infeccións bacterianas máis perigosas do mundo. Neste caso cóntase cun orzamento de 5 millóns de euros financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa, dos que á UVigo lle corresponden 390.000 euros.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES