
A Escola de Verán da UDC 2024 é unha formación intensiva impartida en inglés para estudantado propio e internacional, na que este ano participan un total de 115 estudantes de 39 nacionalidades distintas.
Neste senso, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, destacou que esta é unha experiencia enriquecedora que vai máis alá das fronteiras académicas tradicionais e que reflicte o espírito diverso e integrador da actividade da UDC.
Nesta edición ofrece 16 cursos impartidos por 20 docentes orixinarios de 16 países distintos; cun amplo abano de temáticas, que abarcan desde Turismo Sostible, Psicoloxía Empresarial ou Inmunoloxía e Bioinformática, ata Escaneo e Imaxes láser 3D, Creación de Chatbots ou Comunicación efectiva para o liderado internacional. Ademais, ao alumnado participante que o demande, ofértaselle un curso adicional de español básico de 15 horas.
A Facultade de Economía e Empresa será, na presente edición, o centro no que terán lugar a maior parte destes cursos; agás 4 deles, que se desenvolverán -en todo ou en parte- na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e na Facultade de Ciencias.
20 anos fomentando a internacionalización
A International Summer School (ISS) foi creada pola UDC no ano 2014 e, desde entón, cada verán ofrece unha ampla selección de cursos intensivos. Todos eles impartidos en inglés por profesorado internacional, abarcando unha extensa gama de disciplinas, que van desde dereito e negocios, ata ciencia e tecnoloxía. Decenas de docentes e centos de estudantes de 70 países diferentes participaron e gozaron xa nestes últimos 20 anos desta enriquecedora experiencia coa que a UDC potencia a internacionalización no ensino.
De feito, ademais do alumnado español, este ano os estudantes matriculados proceden de Alemaña, Arxentina, Armenia, Austria, Bahrein, Brasil, Colombia, República Checa, Estonia, Finlandia, Xeorxia, Hungría, Italia, Xapón, Kazakhstan, Kenya, Kósovo, Kirguizistán, Malaisia, México, Moldova, Montenegro, Norte de Macedonia, Noruega, Pakistán, Polonia, Reino Unido, República de Corea, Rusia, Ruanda, Serbia, Sudán, Siria, Tunisia, Ucraína, Reino Unido, Estados Unidos e Vietnam.
Cada unha das accións formativas da ISS ten un valor académico de 6 créditos ECTS para o alumnado internacional e están recoñecidas pola UDC e por outras universidades de todo o mundo, de xeito que permiten obter créditos para os seus propios títulos.
Programa social
Este curso completa a súa oferta cun amplo programa de actividades de tarde para o alumnado, no que cinco alumnos da UDC exercen labores de mentoría, acompañando ao alumnado a distintas actividades. Así entre elas, haberá desde un paseo en barco pola baía da Coruña o unha ruta polo Faro de Mera-Seixo Branco, así como unha visita ás Fragas do Eume, entre outras moitas propostas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.