
A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este venres a presentación desta décima edición á que asistiron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez, a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso, o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González, e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás.
Na súa intervención, o coordinador da FIRST LEGO League Galicia, José Antonio Becerra Permuy, explicou que, nesta décima edición, o torneo terá lugar, por segundo ano consecutivo, no Campus Industrial de Ferrol. As presentacións dos Proxectos de Innovación faranse nas aulas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e nas da Facultade de Humanidades e Documentación mentres que o Xogo do Robot se disputará no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios terá lugar, en horario de tarde, no Auditorio de Ferrol.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade , a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.
Que é a FIRST LEGO League?
A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
O desafío FIRST LEGO League en España
Desde o ano 2022, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.
Como funciona a FIRST LEGO League?
Cada temporada, a FIRST LEGO League permitirá aos mozos e mozas ver a ampla gama de oportunidades da industria STEAM botando man da súa exploración como parte de MASTERPIECE, un desafío no que aprenderán como a Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas se relacionan coas artes en formas moi sorprendentes. O seu obxectivo final será o de imaxinar e innovar novas formas de crear e comunicar arte en todo o mundo.
Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:
O Proxecto de Innovación. Un proxecto que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.
Como participa un equipo na FIRST LEGO League?
Os participantes crean un equipo, de entre 2 e 10 membros, de 10 a 16 anos.
Durante tres meses preparan o desafío FIRST LEGO League e organizan a súa propia micro FLL no centro educativo ou asociación. A participación nunha micro FLL dá acceso aos Torneos Clasificatorios FIRST LEGO League.
Os equipos seleccionados nos Torneos Clasificatorios chegarán a GRAN FINAL FIRST LEGO League que este ano terá lugar o 16 de marzo no Edificio do Paraninfo e na Facultade de Dereito da Universidade de Alacante.
Que é a FIRST LEGO Explore?
A FIRST LEGO League Explore é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.
Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster illustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Explorer que se organizan nos tornos clasificatorios e na Gran Final.
Que é a FIRST LEGO Discover?
A FIRST Lego League Discover é un programa introdutorio á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e ás matemáticas (STEM), dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos. O programa estimula a súa curiosidade natural ampliando os seus coñecementos e desenvolvendo novos hábitos de aprendizaxe.
A FIRST LEGO League en Galicia
A Universidade da Coruña organiza por décimo ano consecutivo a FIRST LEGO League Galicia. O torneo terá lugar o vindeiro sábado 2 de marzo no Campus Industrial de Ferrol. O Xogo do Robot (Pavillón de Esteiro) e a entrega de premios (Auditorio de Ferrol) poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da FLL Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.