Notas de prensa

USC e Newtral verifican as afirmacións dos representantes políticos nos debates electorais previos ao 18F

Estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC realizou o seguimento en directo e verificou as declaracións dos representantes políticos que participaron no debate electoral previo ás eleccións autonómicas galegas que tivo lugar este luns 5 e que se emitiu a través da Televisión de Galicia. 34 estudantes e 5 docentes do grao en Xornalismo e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual seguiron en directo o debate.

Verificaron unha trintena de declaracións dos representantes políticos, logo de identificar todas as afirmacións factuais que pronunciaron as persoas candidatas. A actividade desenvolveuse en colaboración con Newtral, unha organización dedicada á verificación que conta cunha liña educativa na que se integra a iniciativa Verificatón 18F, xunto ás tres universidades públicas galegas.

Deste xeito, o estudantado profundou no proceso de fact-checking político no marco dos debates electorais previos ás eleccións galegas do 18 de febreiro. A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña sumáronse a este proxecto no que o estudantado profundou na metodoloxía e no proceso de comprobación das afirmacións da man do profesorado e do equipo de fact-checking de Newtral. Antes do inicio da campaña electoral, o estudantado recibiu capacitación sobre o proceso de verificación na que aprendeu a identificar se unha frase é verificable ou non, que fontes consultar e cal é o paso a paso na metodoloxía da verificación.

Jorge Vázquez Herrero, profesor promotor da actividade, manifestou a súa satisfacción co interese do alumnado xa que "é unha alegría que os nosos estudantes se comprometan fóra do horario lectivo para levar adiante unha actividade xornalística como a verificación dun debate electoral, que é crucial nestes tempos". Dende a Facultade de Ciencias de Comunicación, en colaboración con Newtral, anuncian que está previsto facer o mesmo seguimento no debate anunciado por RTVE na noite do 14 de febreiro. Neste sentido, Jorge Vázquez sinala que "esta actividade é unha mostra da conexión que debemos buscar entre a docencia, a investigación e a nosa contorna".

O proxecto súmase aos labores de formación en verificación e alfabetización mediática que desenvolve Newtral Educación. Ademais, a Facultade de Ciencias da Comunicación –a través do grupo de investigación Novos Medios– participa no proxecto europeo IBERIFIER –dentro do European Digital Media Observatory– co que tamén se vencella esta iniciativa.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES