Notas de prensa

O Foro Tecnolóxico de Emprego sumará este ano a participación de empresas do sector sanitario

Máis empresas, incluíndo, por primeira vez, firmas do sector sanitario. Así será a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a cita que cada ano reúne no campus de Vigo ás futuras e futuros enxeñeiros co sector empresarial. Será do 5 ao 7 de marzo nas tres escolas de enxeñaría: Industrial, Minas e da Enerxía e Telecomunicación. A principal novidade desta edición é o aumento da capacidade, impulsado polo entusiasmo das empresas en participar neste evento.

Cúmprese así coa demanda específica do alumnado do Grao en Enxeñaría Biomédica, segundo explica Carlota Cañamero, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, principal cabeza visible dun equipo composto por máis de 70 colaboradores, estudantes das tres escolas, dos que 18 exercen como coordinadores das diferentes áreas (infraestruturas, conferencias, tesourería, comunicación, web...).

A pouco máis dun mes para o arranque, xa está pechada a participación das empresas. Serán en total 41 firmas, incluíndo nomes que son fieis ao evento e acoden todos os anos -Borgwarner, Centum, Gradiant, Optare, Cortizo, Televés, Imatia, PwC, Marine Instruments…- e outras que se incorporan este ano, entre elas Naturgy, Navantia, o Grupo Tragsa ou Coren. “Todas elas son líderes tecnolóxicos que abarcan os sectores IT, a construción, o automóbil e o sanitario”, recalca a coordinadora xeral, quen aclara que, a pesar de ampliar oito postos, axiña se acadou a capacidade máxima e tiveron que deixar fóra varias empresas interesadas en participar.

Actividades nas tres escolas

Se ben o programa definitivo aínda non está pechado, haberá actividades nas tres escolas. Os postos das empresas situaranse nos vestíbulos de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e en Industriais, así como nos corredores que conectan a EEME coa EET. Ademais, “estamos traballando arduamente para concentrar todas as actividades relacionadas cos relatorios, obradoiros e Speed Job Dating na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, explica a coordinadora xeral, apuntando xa a ampla variedade de iniciativas que acolle o foro destinadas a facilitar a interacción entre as empresas e os futuros titulados e tituladas do ámbito técnico.

Nos tres días que dura o foro está previsto desde unha recollida de currículos, na que os estudantes poden entregar o seu CV ao persoal de recursos humanos das empresas participantes, ata conferencias ás que todo o mundo pode asistir e informarse sobre o funcionamento das empresas de enxeñaría e os últimos avances de determinados sectores, pasando por obradoiros organizados polas empresas nos que se lle propoñen ao alumnado diferentes retos e actividades para comprobar as súas aptitudes e a súa formación transversal.

O “inmenso reto” da coordinación xeral

Asumir a responsabilidade da coordinación xeral do foro é un “inmenso reto” ao que cada ano se enfronta un alumno ou alumna, unha experiencia que normalmente chega cando o estudante está xa no último ano da titulación ou cursando o mestrado, como é o caso de Cañamero, e tras participar en diferentes edicións asumindo responsabilidades variadas. “No meu caso levo catro anos, o primeiro como colaboradora nos días do evento; no segundo, asumín o rol de coordinadora de Institucións, encargándome da comunicación coa dirección das escolas; o curso pasado exercín de coordinadora de organización, xestionando as tarefas das diferentes coordinacións e, este ano, tiven a sorte de converterme en coordinadora xeral, sendo a cara visible e encargándome da xestión do foro a grande escala”.

En canto á decisión de asumir o rol de coordinadora xeral, Cañamero admite que se aledou moito de ser a persoa elixida polos seus compañeiros e compañeiras para exercer este cargo, “foi unha oportunidade que non quixen deixar pasar”, tanto pola súa idea de achegarlle ao evento “toda a miña experiencia e traballo” como no sentido de “seguir avanzando cara ao meu obxectivo de desenvolver habilidades de xestión para a miña futura traxectoria profesional”.

Universidade de Vigo, 2024-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES