Notas de prensa

Un estudo de ConBici revela que a calidade do aire en Compostela está no límite das recomendacións da OMS

Máis do 50% das medidas da calidade do aire nas rúas de Santiago superan a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) para o número de partículas en aire de diámetro inferior a 2.5 micras (PM2.5), segundo o estudo Cycling with Clean Air (CWCA) realizado no 2023 pola Asociación Cívica Composcleta en colaboración coa Universidade de Santiago.

O traballo é parte dun proxecto da Coordinadora en Defensa de la Bicicleta (ConBici) desde a área de Saúde e Medio Ambiente e o apoio da campaña europea Clean Cities e baséase en dous anos de medición da calidade do aire en 18 cidades, nos que se constataron avances e desafíos na calidade do aire urbano en España e a necesidade de abordar este problema de xeito efectivo. Os resultados deste proxecto revelan que a calidade do aire en 16 das 18 cidades españolas nas que se analizou non cumpre coas recomendacións da OMS.

O estudo realizouse inicialmente en 14 cidades en 2022: Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Lorca, Málaga, Alacante, Valladolid, Xixón, Terrassa, Cartaxena, Burgos, Albacete e Valencia. Ademais, en 2023 incorporáronse ao proxecto catro cidades máis: A Coruña, Santiago de Compostela, As Palmas de Gran Canaria e Vitoria-Gasteiz. Ata o 31 de outubro de 2023, persoas voluntarias de ConBici equipadas con medidores portátiles dedicaron un total de 3.969 horas a este proxecto, pedaleando e medindo a calidade do aire nos seus percorridos habituais pola cidade. No primeiro ano deste estudo rexistráronse 1.977 horas, e en 2023 engadíronse 1.992 horas adicionais, acumulando un total de 5.458 percorridos. Segundo o informe de ConBici estes datos ofrecen “unha visión única e detallada da situación da calidade do aire en España” ao rexistrar datos precisos en tempo real.

Como explica o equipo encargado da análise, recolléronse un total de 9.484.951 medidas de partículas PM2.5, cunha media xeral de 9,2 µg/m³. Estes niveis superan as recomendacións da OMS para a calidade do aire, e obsérvanse variacións notables ao longo do día, cunha concentración máis alta de partículas entre as 7 e as 9 da mañá. Estes achados resaltan a importancia de abordar a mobilidade nesas franxas horarias para mellorar a calidade do aire.

Ao comparar estes resultados coas recomendacións da OMS, constatouse que en só 8 das 18 cidades se cumpren na metade das medicións realizadas, o que presenta unha “seria preocupación en termos de saúde pública” apuntan os promotores do estudo. No caso de Santiago de Compostela atopouse que as recomendacións se cumpren moi preto do límite, cun 43,7% das medicións, co risco de incumprir a nova Directiva de calidade do aire, o que para Composcleta indica que “a saúde da cidadanía en Santiago de Compostela está en xogo”.

O informe de ConBici tamén ofrece recomendacións clave para abordar o problema da calidade do aire en contornas urbanas, como priorizar o uso de medios de transporte sostibles, fomentando a mobilidade activa e colectiva; dar información transparente sobre a calidade do aire á cidadanía; garantir a seguridade legal das persoas que empregan a bicicleta como medio de transporte; continuar medindo a calidade do aire e o reparto modal, avaliando o impacto das accións implementadas na calidade do aire e na escolla de medios de transporte. O proxecto Cycling with Clean Air foi galardoado co premio ao Mellor Proxecto de Innovación para unha Cidade Saudable nos VIII Premios e Subvencións de Innovación do Concello de Valencia, liderado polo grupo local de Valencia en Bici, recoñecendo así a súa importancia na procura de solucións sostibles para as contornas urbanas.

A Asociación Cívica Composcleta (ACC), que preside Faustino Gómez, é unha entidade con preto de cen socias e socios que promove a mobilidade sustentable en Santiago de Compostela e especialmente o uso da bicicleta. Creada en 2013, colabora activamente co Concello de Santiago e a Xunta de Galicia no desenvolvemento da mobilidade en bicicleta e na creación dun contorno urbano máis respectuoso co medio ambiente. A asociación é membro da Coordinadora Galega pola Bicicleta e da Coordinadora en Defensa da Bicicleta (ConBici), organización que promove a mobilidade sostible e a bicicleta como medio de transporte en España.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-12-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES