
O xurado, presidido polo reitor da USC Antonio López Díaz, motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo de Amoedo e Sánchez-Carreira resultou distinguido na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, mentres que a categoría centrada en premiar teses de doutoramento ficou deserta.
Desigualdades
A pandemia da COVID-19 ten un efecto considerable nas desigualdades sociais, explican os autores do artigo. Este traballo ten como obxectivo identificar, medir e describir os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso.
Os principais resultados poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais, explican Amoedo e Sánchez-Carreira. Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade, matizan.
Xurado
Ademais de Antonio López, integraron o xurado que se reuniu este martes 19 no Salón Reitoral do Colexio San Xerome, Maria Dolores Riveiro García do IDEGA, Manuel Pérez, presidente do CES; Manuel Martínez, secretario do CES; Fernando González Laxe da UDC e Xosé Henrique Vázquez Vicente da UVigo. José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira pertencen á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.